Mai 25, 2026 | Actualidade, Novas

O Concello de Melide vén de poñer en marcha unha nova campaña de concienciación e información sobre reciclaxe co obxectivo de mellorar a separación de residuos e reducir o depósito de materiais incorrectos nos colectores. A iniciativa desenvolvese mediante o envío dun folleto informativo aos domicilios da vila baixo o lema ‘Concello de Melide, limpo. Patrimonio de todos e todas’.O folleto explica os distintos tipos de colectores existentes e os residuos que deben depositarse en cada un deles. Ademais, o Concello avanza que proximamente chegará ás rúas da vila o colector marrón, destinado ao depósito de materia orgánica. Nel poderán botarse restos de alimentos, pousos de café e infusións, plantas ou panos e papel de cociña sen tinturas.

A campaña tamén lembra os servizos porta a porta que se ofrecen no Concello. Entre eles figura o destinado á retirada de papel e cartón dirixido a comercios e establecementos hostaleiros. Para participar, as persoas interesadas só teñen que chamar ao número 981 50 50 03.

Do mesmo xeito, o Concello presta un servizo de retirada de enseres voluminosos, facilitando desfacerse de mobles ou electrodomésticos de gran tamaño, entre outros, sen custo para a veciñanza. Desde o Goberno local lembran a importancia de non abandonar este tipo de residuos na vía pública sen aviso previo.

Outro dos servizos é o destinado ao plástico agrícola, que se desenvolve durante as campañas de primavera e outono.

Punto Limpo

O folleto tamén informa sobre o funcionamento do Punto Limpo, situado no polígono industrial de Melide, onde poden depositarse materiais como plásticos, porexpán, papel e cartón, vidro, madeiras ou restos metálicos, entre outros. As instalacións permanecen abertas os luns, mércores e sábados de 10:00 a 14:00 horas e os martes e venres de 16:00 a 20:00 horas.

A iniciativa municipal lembra ademais a existencia de colectores específicos para o depósito de aceite doméstico usado e roupa, situados en diferentes puntos do concello.

Outro dos apartados céntrase na compostaxe doméstica baixo a mensaxe ‘Compóstate ben’. O Concello destaca os beneficios ambientais, sociais e económicos de reciclar materia orgánica mediante compostaxe doméstica. Entre os residuos que poden depositarse no composteiro figuran froitas e verduras, peixe e carne, pan, legumes, cereais, froitos secos, pousos de café, infusións, papel e panos de cociña sen tinturas, céspede, herba recentemente cortada ou restos de colleitas.

A campaña conclúe cun chamamento á cidadanía para seguir avanzando no coidado do medio ambiente mediante pequenos xestos cotiáns baixo a mensaxe: ‘Aforra e coida o medio ambiente. Dálle nova vida ao lixo’.

Díptico