O Mercamelide de Inverno estase a celebrar esta fin de semana no Pazo de Exposicións de Melide, reunindo preto de 30 comercios da vila nunha cita que converte o recinto nun escaparate do comercio de proximidade.
Durante estas xornadas, os establecementos participantes ofrecen produtos de primeira calidade, a prezos competitivos, e en sectores moi variados: fogar, roupa, tecnoloxía, electrodomésticos, zapatería e outros artigos. Nesta edición ampliouse o número de negocios implicados.
O programa inclúe tamén animación infantil, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, co fin de facilitar as compras ás familias mentres os máis pequenos participan nas actividades programadas.
As persoas que realicen compras nos comercios adheridos recibirán un resgardo para participar no sorteo de 1.500 euros en vales de compra (un de 500 euros e cinco de 200 euros). O sorteo será presencial e celebrarase mañá domingo ás 20:00 horas. Os premios deberán empregarse nos propios establecementos participantes antes do 30 de marzo.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, visitou hoxe o recinto onde puxo en valor o traballo desenvolvido con Asetem para facer posible o Mercamelide e destacou que «esta liña de apoio ao comercio local é importante para seguir impulsando iniciativas que dean visibilidade e respaldo aos nosos negocios».
O Mercamelide está organizado por Asetem en colaboración co Concello de Melide.

