O melindre degústase estes días no Certame de Baristas que se celebra na localidade mariñá de Foz e forma parte das distintas xornadas nas que se desenvolve o encontro. Hoxe tivo lugar ademais unha acción específica de promoción coa presenza do concelleiro de Comercio, Xosé Igrexas, nunha iniciativa de posta en valor deste produto e da repostaría tradicional de Melide.
O doce máis emblemático de Melide estará presente neste certame organizado polo IES de Foz, que reúne nesta edición a 26 centros de hostalaría, procedentes de 14 comunidades autónomas, ademais de Portugal e Italia. Igrexas destacou a relevancia desta participación, que permite achegar “a repostaría tradicional de Melide e a festividade máis doce de Galicia a un marco gastronómico con estudantes e especialistas do sector, promovendo este produto, cuxa festa conta coa declaración de Interese Turístico de Galicia”.
Trátase da terceira ocasión na que o Goberno local se despraza á Mariña para dar a coñecer este doce que, segundo sinalou o edil, “acompaña á perfección un café preparado por profesionais”. Así mesmo, subliñou que esta presenza “deixa claro o forte compromiso que temos dende o Concello coa nosa gastronomía e con crear un turismo sostible no que Melide sexa un gran atractivo”.
34ª edición da Festa do Melindre
A degustación en Foz súmase ás accións de promoción que o Concello de Melide está a desenvolver, como foi a presentación do cartel da 34ª Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional na Feira Internacional de Turismo (Fitur), celebrada en Madrid.
A 34ª Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional celebrarase a fin de semana do 9 e 10 de maio. Declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2013, converteuse co paso do tempo nun importante reclamo para achegarse á localidade durante a segunda fin de semana de maio.

