A Xunta de Goberno local do Concello de Melide adxudicou hoxe, por procedemento aberto simplificado, a obra de mellora da eficiencia enerxética en instalacións de produción de calor e iluminación da piscinas climatizada, un paso decisivo para poder reabrir as instalacións.
A actuación está subvencionada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
Mellora da iluminación
En relación coa mellora da eficiencia de instalacións de iluminación proponse a substitución parcial de iluminación convencional por iluminación do tipo led. O alcance da proposta inclúe a migración de todas as luminarias a iluminación do tipo led, á vez que nas zonas de uso continuo con afectación da luz exterior, se van implementar sistemas de control lumínico que reduzan a potencia lumínica de forma adaptativa.
Melloras térmicas
Na mellora da eficiencia de instalacións térmicas, proponse a substitución das caldeiras actuais de propano, de tecnoloxía de combustión atmosférica. O proxecto inclúe a substitución de bombas circuladoras por equipos de alta eficiencia, a modificación hidráulica, a integración con produción de A.Q.S. actual e automatización mediante control automático de toda a sala de máquinas, o desmonte de toda a instalación existente e a execución de silo de almacenaxe de pellets.
Os traballos teñen un orzamento de contrata de 149.905 euros e un prazo de execución de catro meses.
Modernización de equipos e redución de gastos
O Goberno local explica que a actuación “representa un aforro nos costes no consumo de enerxía eléctrica, ao reducir a potencia instalada, así como unha mellor calidade na iluminación e eficiencia na produción de auga quente”. De igual xeito, a modernización dos equipos evita o incremento de danos e deterioracións existentes na actualidade, e limita o gasto que ocasionaría o incremento das deterioracións actuais.
Considérase que a obra a realizar non ocasionarán novos gastos de mantemento, e que non é previsible que nun horizonte de cinco anos xere novos gastos como consecuencia da súa execución.

