~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

O Concello de Melide remítelle á Xunta case 1.300 sinaturas recollidas pola ANPA para que se acometan reformas fundamentais no Colexio Martagona

As reclamacións básicas inclúen a construción dun patio cuberto, o arranxo das pistas de xogo e a substitución do muro perimetral.

O Concello de Melide vén de remitir á atención de Román Rodríguez, conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, un escrito da ANPA do CEIP Martagona que reflicte necesidades urxentes de investimento no centro escolar. O documento acompáñase de 1.279 sinaturas recollidas pola comunidade educativa, así como das de 15 membros do claustro do colexio que apoian a reivindicación nun comunicado.

As reclamacións da ANPA céntranse en tres problemas que o centro arrastra dende hai uns 15 anos sen que se teñan acometido os traballos de arranxo necesarios. O primeiro destes problemas é a necesidade de substitución do actual muro perimetral. O seu estado actual é moi deficiente e pode mesmo representar un perigo para o alumnado nalgúns tramos, con desprendementos de formigón e ferro á vista.

A segunda das reclamacións atinxe ao estado da pavimentación. A falta de mantemento causou a aparición de fochancas que se reparten polas pistas de xogo utilizadas durante os recreos e nas aulas de educación física, e pola entrada do propio centro. Resultan especialmente problemáticas durante os días de choiva.

Coa choiva ten que ver precisamente a terceira das reclamacións: a construción dun patio cuberto, ante a falta de dispoñibilidade actual dunhas instalacións no centro que permitan o desfrute do tempo de recreo en días de choiva e frío. O CEIP Martagona conta cun alumnado formado por 141 persoas, e só os estudantes do segundo ciclo de infantil dispoñen dun ximnasio para o uso cando as condicións climatolóxicas non son favorables. Os 110 alumnos e alumnas de educación primaria carecen dun lugar apropiado para o xogo libre durante o recreo neses días, tendo que empregar corredores e aulas de estudo onde, como é natural, non poden xogar con balóns nin realizar actividades físicas. Actualmente, 7.000 metros cadrados dos 8.336 que conforman o solar están en desuso e poderían ser empregados para a construción do patio.

A ANPA remata o seu escrito convidando ao conselleiro de Educación a visitar as instalacións e coñecer de primeira man o deteriorado estado de conservación do centro escolar e as súas carencias.

Reclamacións do Concello

Non é esta a primeira vez en que o Concello de Melide informa á Xunta sobre o deficiente estado das infraestruturas educativas. O pasado mes de febreiro remitiuse un escrito á Consellería alertando das eivas estruturais existentes, alén de no propio centro Martagona, no CEIP Nº1 e no Mestre Pastor Barral. Estas deficiencias foron detectadas grazas ao contacto constante do Concello coa comunidade educativa.

Ademais das reclamacións do CEIP Martagona, idénticas ás que agora reiteran dende a ANPA, o Concello informou naquel escrito de que o CEIP Mestre Pastor Barral precisa dun arranxo do tellado para evitar as recorrentes filtracións. Igualmente, precisa que se peche a pista polideportiva cuberta para permitir o seu uso en inverno.

Pola súa banda, no Colexio Nº1 é necesaria a reforma da zona deportiva exterior ante o mal estado en que se atopa e a obsolescencia do seu equipamento. Tamén se require o asfaltado da área perimetral, que se utiliza como espazo de recreo, e a reforma dos baños.

O Concello de Melide continuará en contacto coa comunidade educativa para facer partícipe á Xunta de Galicia de todas as necesidades existentes nos centros de ensino, e acometendo aqueles traballos de mantemento que resulten da súa competencia.