O Concello de Melide promociona este sábado en Santurtzi (País Vasco) a XXXIV edición da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, que terá lugar na vila os días 9 e 10 de maio.
Esta acción desenvólvese no marco da primeira Festa do Melindre que se celebra hoxe na localidade vasca, un evento impulsado pola Casa de Galicia en Santurtzi e co que tamén colabora o Concello de Melide.
Ata Santurtzi desprazouse o concelleiro de Comercio, Xosé Igrexas, que participan nesta xornada na que estivo acompañado pola alcaldesa da localidade, Itziar Carrocera Fernández.
O programa que se desenvolve na localidade vasca inclúe a instalación dunha carpa informativa, a actuación do grupo melidense Os da Taberna, unha ‘kalejira’ (desfile polas rúas) cos xigantes de Santurtzi acompañados por Airiños Galegos Doce Albor, unha masterclass sobre os doces tradicionais de Melide e, xa pola tarde, a actuación de Tolin el Mariachi.
A organización desta cita en Santurtzi está relacionada coa irmandade entre ambas localidades, reforzada nos últimos anos a través de diferentes encontros institucionais e culturais. Estes intercambios contribuíron a consolidar os lazos históricos que unen Melide e Santurtzi a través da emigración galega.
XXXIV Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional
A presenza en Santurtzi súmase a outras accións de difusión realizadas ao longo do ano, como foi a presentación do cartel da XXXIV Festa do Melindre en Fitur (Madrid) ou o acto promocional desenvolvido en Foz no marco do Certame de Baristas. Ademais, o Concello de Melide repartiu recentemente 20.000 manteis de papel entre os establecementos de hostalería e restauración para contribuír á difusión da cita, que terá lugar na vila os días 9 e 10 de maio. Xosé Igrexas aproveitou a súa visita a Santurtzi para repartir tamén os manteis entre os establecementos da localidade.
Declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2013, rende homenaxe aos tres doces que identifican a tradición reposteira da vila: melindres, ricos e amendoados, elaborados nos fornos locais seguindo receitas transmitidas de xeración en xeración.
A celebración naceu no ano 1991 por iniciativa do Concello, co obxectivo de protexer e poñer en valor o saber facer da repostería tradicional da comarca.
Programa da XXXIV Festa do Melindre
Sábado, 9 de maio
11:00 horas: apertura da feira.
11:30–15:00 horas: animación de rúa coa charanga Achicoria e Herba Grileira.
13:00–14:00 horas: obradoiro doce ‘Coas mans na masa’, con Mary Mosteiro.
17:00–18:00 horas: maridaxe de viños e doces con Martín Ribeirao.
18:00 horas: Actuación de Herba Grileira na Praza das Coles.
18:30–19:30 horas: showcooking ‘Melide en petiscos: saborosa memoria da tradición doce’, con Manuel Garea.
20:00 horas: peche da feira.
Domingo, 10 de maio
11:00 horas: apertura da feira.
11:30 horas: animación de rúa con Froito Novo, Os da Taberna e a charanga Brassica Rapa.
12:00 horas: nomeamento de embaixadores e pregón no Cantón de San Roque.
13:00 horas: animación musical nas rúas.
17:30 horas: concerto infantil tributo ‘Lembra Xabarín’, no Cantón de San Roque.
18:00 horas: peche da feira.
19:00 horas: Actuación de Sabela na Praza das Coles.

