~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

O Concello de Melide outorga as Medallas de Ouro a Juan Carlos Curros Vázquez e ao equipo formado por Xesús Ferreiro e Xavier Anido

Xuñ 22, 2026 | Actualidade, Novas

O Concello de Melide outorgará as Medallas de Ouro a Juan Carlos Curros Vázquez e ao equipo formado por Xesús Ferreiro Pérez e Xavier Anido Vázquez.

A concesión foi acordada no pleno extraordinario celebrado o pasado venres a proposta da Corporación e aprobada por unanimidade.

As Medallas de Melide foron creadas no ano 2001 para distinguir a aquelas persoas e institucións melidás ou mesmo descendentes de melidenses que contribuíran ou contribúan a apoiar, traballar e divulgar o nome de Melide.

Segundo recolle a proposta aprobada, as medallas poden ser concedidas a título individual e a un organismo ou colectivo que polo seu labor desenvolvido en calquera das facetas da actividade humana sexan merecedoras do recoñecemento da vila. O texto sinala tamén que as traxectorias que son reflexo dunha actitude e traballo salientable deben ser guía para futuras xeracións que queiran seguir engrandecendo a realidade de Melide.

Juan Carlos Curros Vázquez, melidense e traballador do Concello de Melide desde hai máis de 40 anos, recibirá a Medalla de Ouro polo seu labor como xefe de Protección Civil. A proposta destaca que leva realizando de maneira desinteresada esta función durante catro décadas, entregándose persoalmente en cada unha das actividades nas que se require a presenza deste colectivo.

Pola súa banda, o equipo formado por Xesús Ferreiro Pérez e Xavier Anido Vázquez será distinguido pola súa contribución á difusión do nome de Melide e polos seus éxitos deportivos acadados a través da súa participación no mundo do rally a nivel nacional e internacional.

As Medallas de Ouro serán entregadas durante un acto que se celebrará o 29 de xuño, día de San Pedro, ás 12:00 horas na Casa do Concello. O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, traslada o agradecemento do Concello aos homenaxeados pola súa dedicación e compromiso ao longo dos anos e asegura que “é unha satisfacción recoñecer a persoas que, co seu traballo e dedicación, contribúen a apoiar e divulgar o nome de Melide”.