O Concello de Melide outorgou este mediodía as Medallas de Ouro a Juan Carlos Curros Vázquez e ao equipo formado por Xesús Ferreiro Pérez e Xavier Anido Vázquez.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, foi o encargado de colocarlles as medallas, ao tempo que trasladou o agradecemento do Concello aos homenaxeados pola súa dedicación e compromiso ao longo dos anos e asegurou que “é unha satisfacción recoñecer a persoas que, co seu traballo e dedicación, contribúen a apoiar e divulgar o nome de Melide”.
Juan Carlos Curros Vázquez, melidense e traballador do Concello de Melide desde hai máis de 40 anos, recibiu a Medalla de Ouro polo seu labor como xefe de Protección Civil. O rexedor destacou que leva desempeñando de maneira desinteresada esta función durante catro décadas, subliñando a súa dispoñibilidade permanente para atender calquera emerxencia, a calquera hora do día ou da noite. José Manuel Pérez puxo en valor a súa entrega, lembrando que ao longo destes anos chegou mesmo a arriscar a súa propia vida no desempeño desta responsabilidade. “En nome da Corporación municipal, moitas grazas pola súa dedicación e compromiso con Melide”, afirmou.
Pola súa banda, o equipo formado por Xesús Ferreiro Pérez e Xavier Anido Vázquez foi distinguido pola súa contribución á difusión do nome de Melide e polos seus éxitos deportivos acadados a través da súa participación no mundo do rally a nivel nacional e internacional. Durante a súa intervención, o alcalde puxo en valor a traxectoria de Xesús Ferreiro e Xavier Anido, destacando o esforzo, a constancia e o talento que os levaron a converterse nun referente do automobilismo. José Manuel Pérez lembrou tamén que os seus éxitos deportivos contribuíron a situar o nome de Melide no ámbito nacional e internacional e expresou o desexo de que este recoñecemento, outorgado polo seu propio Concello, teña un significado especial para ambos. “Desexámosvos que sigades facendo historia. Moitas grazas pola vosa achega a este Concello de Melide”, engadiu.
Proposta aprobada por unanimidade
A concesión foi acordada nun pleno extraordinario a proposta da Corporación e aprobada por unanimidade. As Medallas de Melide foron creadas no ano 2001 para distinguir a aquelas persoas e institucións melidás ou mesmo descendentes de melidenses que contribuíran ou contribúan a apoiar, traballar e divulgar o nome de Melide.

