O Concello de Melide organiza durante o mes de marzo, coa colaboración da Deputación da Coruña, unha nova edición do ciclo Domingos de Teatro 2026, unha programación de teatro profesional dirixida ao público adulto que se desenvolverá no Centro Sociocultural Mingos de Pita.
As representacións celebraranse os domingos 8, 15, 22 e 29 de marzo ás 19:00 horas. A entrada será de balde.
O programa abrirase o domingo 8 de marzo con María Visitación, Consolación, Amadora, da compañía Loia Producións. A obra está escrita e dirixida por Paloma Lugilde e conta no elenco con Aida Cobas, Clara Tallón e Miguel Varela.
O domingo 15 de marzo será a quenda de Go Home, da Compañía Etiqueta Negra, baixo a dirección de Tito Asorey e interpretada por David Amor e Josito Porto.
O domingo 22 de marzo, a compañía Elefante Elegante porá en escena Alta Costura, con dirección de Gonçalo Guerreiro e un reparto formado por María Torres, Pablo Sánchez, Sofía Espiñeira e Raquel Crespo.
O ciclo pecharase o domingo 29 de marzo con O Proceso, de Malasombra Producións. A obra está escrita e dirixida por Cándido Pazó e conta coas interpretacións de Jouse García, Marcos Orsi, Paula Pier e Xoque Carbajal.
Con esta iniciativa, o Concello e a Deputación apostan por achegar propostas escénicas profesionais ao público adulto e consolidar unha programación cultural estable no municipio.

