O Concello de Melide, a través da Concellería de Cultura, que dirixe Ana Mosteiro, e por iniciativa do Museo da Terra de Melide, homenaxea escritores e escritoras falecidos que naceron ou viviron na vila coa colocación de doce placas conmemorativas nas casas nas que residiron. A iniciativa desenvólvese baixo o lema ‘O Melide das Letras’.
A proposta busca converter estes inmobles en espazos de memoria para que o legado literario e cultural que deixaron non sexa esquecido co paso do tempo e para que as novas xeracións coñezan e valoricen a historia literaria e cultural de Melide.
As doce placas homenaxean a doce escritores e unha escritora relacionados coa creación literaria, a investigación histórica, o ensino e a difusión da cultura popular melidense.
As placas colocadas son as seguintes:
– Eduardo Álvarez Carballido, médico-cirurxián e historiador de Melide, na Rúa do Progreso, 9.
– Emilio Pereiro Quiroga, autor de poemas e contos en prosa; e Juana Teresa Juega López, poetisa e narradora, na Rúa do Progreso, 39.
– Antonio L. Taboada Roca, farmacéutico e historiador de Melide, na Rúa do Progreso, 6.
– Manuel Taboada Roca, Conde de Borraxeiros, maxistrado e académico, na Rúa do Progreso, 6.
– Amador Rodríguez Martínez, presbítero, galeguista e investigador do folclore e da tradición oral da Terra de Melide. Coautor, xunto a Vicente Risco, do capítulo 6 do Terra de Melide (Seminario de Estudos Galegos, 1933), na rúa do Convento, 7.
– Nilo Cea Rodríguez, mestre, narrador, poeta e debuxante, na Ronda da Coruña, 10.
– Rafael Taboada Vázquez, sacerdote, museólogo e escritor, na rúa San Antonio, 4.
– Jesús Mosteiro Raído, mestre e escritor, na Rambla de San Pablo, 42.
– Xosé Manuel Rodríguez Pampín, crego, teólogo, docente e escritor, na Ronda da Coruña, 34.
– Antonio Hermida Rodríguez, avogado, historiador e investigador, na Rúa do Progreso, 15.
– Carlos Parrado Garea, investigador e activista cultural, na Rúa Mateo Segade Bugueiro, 33.
– Xosé Domingos Cidre Bastián Fuciños Gómez, “Mingos de Pita”, activista cultural e investigador, na Praza do Convento, 2.
O acto central da programación das Letras Galegas terá lugar o 17 de maio ás 12:00 horas na Rúa do Convento, número 7, co descubrimento simbólico da placa dedicada a Amador Rodríguez Martínez. O resto das placas permanecerán xa descubertas nos distintos inmobles.

