O Concello de Melide está a executar obras de mellora da pavimentación e da seguridade viaria na Avenida de América e nas rúas Fernández Flórez, Alfonso Castelao e Magallanes. A actuación abrangue un tramo total de 287 metros de lonxitude.
A intervención permitirá mellorar o funcionamento destas vías e reforzar a seguridade, facilitando a convivencia entre o tránsito peonil e o tráfico rodado. Ao mesmo tempo, contribuirá á humanización e á mellora das condicións de mobilidade na zona norte do centro urbano.
O proxecto contempla a reorganización do espazo das rúas mediante a creación dunha plataforma única compartida por vehículos e peóns, elevada respecto dos viarios actuais. A diferenciación entre os distintos usos realizarase a través dos materiais empregados. A zona destinada á circulación contará con pavimento de mestura asfáltica en quente, mentres que as áreas de estacionamento executaranse con formigón desactivado e o espazo peonil con baldosa granallada. As actuais beirarrúas serán demolidas para adaptarse a esta nova configuración. A actuación inclúe a instalación dun sistema de drenaxe para a recollida e canalización das augas pluviais.
Esta intervención dá resposta á situación actual destas rúas, que presentan dous sentidos de circulación, beirarrúas a ambos lados e zonas de estacionamento sen delimitar. Ademais, nalgúns puntos as beirarrúas non superan os 90 centímetros de ancho, o que dificulta o paso e limita a accesibilidade, ao tempo que o pavimento presenta desgaste polo paso do tempo e por distintas intervencións de canalización de servizos.
A obra foi licitada por un importe de 181.500 euros e está incluída na segunda fase do POS+ Adicional da Deputación da Coruña.

