Feb 18, 2026 | Actualidade, Novas

O Concello de Melide vén de poñer en marcha unha nova páxina Web (mercanenmelide.gal) destinada á promoción do comercio de proximidade. A través deste portal, a administración local busca darlle máis visibilidade aos negocios e establecementos do municipio, así como difundir de maneira áxil as campañas que impulsa neste ámbito.

A plataforma ofrece unha listaxe dos distintos comercios organizados por áreas e conta tamén cun apartado específico no que se recollen as accións e iniciativas de apoio ao sector. Ademais, trátase dun proxecto aberto e en evolución, que irá incorporando cambios de forma continua para adaptarse ás necesidades do tecido comercial local.

O Goberno local pretende con esta iniciativa dispor dun escaparate online no que poder atopar todo tipo de produtos e servizos que ofrecen os establecementos e o comercio melidá.

O concelleiro de Comercio, Xosé Igrexas, destaca que se trata dunha “nova ferramenta de apoio ao comercio”, que se suma ás diferentes medidas que o Concello promove para fortalecer e apoiar o sector. Igrexas salienta que o apartado de contacto da nova páxina “pretende ser unha canle de comunicación a través da cal poidan enviar suxestións e propostas de apoio ao comercio local”.