O Concello de Melide e a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) asinaron un convenio de colaboración para poñer en marcha un programa dirixido a facilitar equipos informáticos con software libre a alumnado en situación de vulnerabilidade ou con dificultades para dispoñer destes recursos.
O acordo foi asinado esta mañá no Concello polo alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e o tesoureiro de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gayoso, coa presenza tamén da concelleira de Política Social, Carmen Liñeira.
A iniciativa, denominada Sementeira Dixital, desenvolverase por primeira vez en Melide e ten entre os seus obxectivos reducir a fenda dixital, fomentar a autonomía neste ámbito e promover o software libre como ferramenta de acceso universal e equitativo á tecnoloxía.
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, destacou a importancia desta colaboración para avanzar na igualdade de oportunidades e evitar que a falta de recursos tecnolóxicos poida supoñer unha barreira. O rexedor incidiu tamén no valor de promover medidas que contribúan á alfabetización dixital e poñan estes medios ao alcance de quen se atopa nunha situación de maior vulnerabilidade.
Identificación das familias
Os Servizos Sociais do Concello de Melide, a través de Traballo Social e Educación Familiar, encargaranse directamente da identificación das persoas destinatarias.
Para a súa selección teranse en conta a situación de vulnerabilidade socioeconómica documentada, a residencia permanente no municipio e a ausencia dun ordenador no fogar ou a imposibilidade económica de adquirilo. A valoración incluirá tamén a motivación para a aprendizaxe e o uso da tecnoloxía, así como o cumprimento das condicións legais e administrativas requiridas. Ademais, considerarase o curso no que se atopen os menores e primarán as familias con máis nenos e nenas en idade de utilizar os equipos.
Non existe un límite prefixado de persoas beneficiarias, xa que o número dependerá do material que MeLiSA poida ir incorporando. Como punto de partida, a entidade dispón de cinco portátiles e cinco ordenadores de sobremesa.
Software e cultura libre
MeLiSA é unha asociación de voluntariado creada en 2008 e con sede en Melide, dedicada á promoción e divulgación do software libre. Desenvolve actividades de formación e instalación deste tipo de programas e defende tamén o concepto de cultura libre, ligado ao coñecemento aberto, compartido e colaborativo.
A entidade traballa con diferentes organismos e administracións públicas que renovan periodicamente o seu material informático. Desta maneira, pode recuperar ordenadores que presentan moi boas características, preparalos para un novo uso e instalar neles software libre.
O tesoureiro de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gayoso, incidiu en que Sementeira Dixital vai máis alá da cesión dun ordenador. A través dun sistema operativo libre, como GNU/Linux, ou do paquete ofimático LibreOffice, búscase achegar tamén coñecementos sobre outras ferramentas que non sexan privativas, e favorecer que cada persoa poida escoller as opcións que mellor se adapten ás súas necesidades, sen quedar condicionada pola necesidade de realizar un desembolso económico para acceder a determinadas solucións.
Esta filosofía está detrás do propio nome de Sementeira Dixital, relacionado coa idea de sementar e compartir coñecemento e de dar a coñecer posibilidades diferentes ás máis habituais.

O traballo da asociación continuará unha vez cedido o material. Ao tratarse dun labor voluntario, e en función da dispoñibilidade dos seus membros, MeLiSA ofrecerá orientación sobre o uso do software e das ferramentas instaladas, facilitará titoriais e recursos de aprendizaxe e prestará apoio inicial no manexo dos ordenadores. Tamén ofrecerá soporte técnico e realizará o mantemento e as reparacións de hardware cando sexan necesarias.
Para MeLiSA, esta primeira experiencia ten ademais un significado especial por desenvolverse en Melide, onde a asociación ten a súa sede.
Un convenio cunha duración inicial de cinco anos
O acordo terá unha duración inicial de cinco anos e non contempla unha achega económica directa entre as partes. O Concello encargarase da identificación das persoas destinatarias, a coordinación administrativa, o apoio institucional e a difusión, mentres que MeLiSA asumirá a achega dos ordenadores, o soporte técnico, o mantemento e a formación.
Os equipos continuarán sendo propiedade da asociación durante a cesión e cada persoa beneficiaria deberá asinar un contrato individual no que se recollerán as obrigas de custodia e coidado.
O convenio prevé tamén a creación dunha Comisión de Seguimento, integrada por representantes das dúas entidades, que supervisará o desenvolvemento do proxecto, abordará as posibles incidencias e avaliará os seus resultados.

