O Concello de Melide celebrou a clausura das escolas deportivas e culturais municipais, nunha nova edición marcada pola elevada participación veciñal e pola ampla oferta de actividades desenvolvidas ao longo da tempada.
Arredor de 850 alumnos e alumnas pasaron este ano polas distintas propostas impulsadas desde o Concello, unha cifra que supón que máis do 10% da poboación melidense se inscribise nalgunha das actividades deportivas e culturais ofertadas.
Ao longo da tempada desenvolvéronse unhas 25 actividades diferentes, estruturadas en máis de 55 quendas, vinculadas á cultura e ao deporte. Desde o Concello destacan tamén o esforzo realizado para dar resposta á demanda existente e conseguir que practicamente non quedasen persoas en lista de agarda ao remate do curso.
O Goberno local sinala que as escolas municipais continúan sendo un espazo importante para fomentar hábitos saudables e creativos entre persoas de diferentes idades. “A resposta da veciñanza segue sendo moi positiva ano tras ano”, precisa.
Entre as actividades culturais desenvolvidas este ano estiveron ballet creativo e danza contemporánea, club de lectura, cociña, danzas urbanas, pintura, costura e novas tecnoloxías. No ámbito deportivo ofertáronse disciplinas como abdominal/core, aeróbic, atletismo, bádminton, deporte combinado, fútbol sala, mobilidade e estiramento, patinaxe, spinning, tonificación, TRX, voleibol, zumba e ximnasia, entre outras.
A clausura das escolas culturais celebrouse no centro sociocultural Mingos de Pita cunha exhibición de baile moderno e ballet, unha exposición dos traballos realizados nos obradoiros de pintura e costura e unha degustación de biscoito e arroz con leite elaborados e servidos polo alumnado da actividade de cociña.
Pola súa parte, a clausura das escolas deportivas desenvolveuse no pavillón da Martagona, onde tamén se realizaron distintas exhibicións e actividades para amosar o traballo realizado polo alumnado ao longo da tempada.

