Xuñ 16, 2026 | Actualidade, Novas

O Concello de Melide impulsa unha campaña divulgativa sobre a eclipse total de sol que poderá observarse o próximo 12 de agosto, co obxectivo de explicar as características deste fenómeno e trasladar á cidadanía as recomendacións necesarias para a súa observación segura.

Entre estas iniciativas figura a celebración, o venres 26 de xuño, dunha charla e dun obradoiro centrados neste acontecemento astronómico. A charla terá lugar ás 18:30 horas na sala de conferencias da primeira planta do Multiusos, mentres que o obradoiro se desenvolverá na sala do Viveiro de Empresas, ás 19:30 horas (á entrada do edificio).

O obradoiro contará con 20 prazas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico comercio@concellodemelide.gal ou nas oficinas do Concello de Melide.

Durante o obradoiro abordaranse cuestións relacionadas cos consellos de seguridade e alerta para evitar danos na vista, a elaboración de materiais caseiros de observación segura e as condicións de seguridade e o uso dos anteollos específicos para observar a eclipse.

A charla e o obradoiro serán impartidos por X. Dosi Veiga, licenciado en Física, responsable de AstroGalicia e do proxecto Ceos Galegos e coautor, xunto a Jorge Mira, do documento do Consello da Cultura Galega ‘Esperando a eclipse total de sol. Recomendacións para as administracións públicas e a cidadanía’.

Durante a súa intervención, Dosi Veiga falará sobre a eclipse total de sol do 12 de agosto, un fenómeno excepcional que poderá observarse desde Melide, explicará que ten de especial, o que se poderá ver durante o evento e como gozalo con seguridade.

Ademais, o Concello de Melide remitirá aos domicilios un folleto informativo para explicar este fenómeno astronómico e trasladar á cidadanía consellos de seguridade e alertas para evitar danos na vista durante a súa observación.