Abr 19, 2024 | Actualidade, Novas

O popular presentador e director do programa “Pensando en ti” da Radio Galega, en antena desde 1996, será tamén nomeado embaixador da festa do melindre e da repostaría tradicional. Dará o pregón terá lugar o domingo 12 de maio ás 12 h na Praza do convento de Melide.

Marcial Mouzo Vidal naceu en Camariñas en 1961. Empezou no mundo da comunicación na Radio Galega, emisora na que permanece desde 1985 dirixindo e presentando programas de todo tipo: musicais como “Grandes Orquestras”, “Música da terra” ou “A Gramola”, cos que empezou a súa relación co micrófono; o magazín “De troula” os sábados ou programas-espertador de moito éxito como “Bo día Galicia”, “Alborada”  ou “Connosco”, cos que conseguiu importantes recoñecementos por parte dos seus oíntes, que lle fixeron multitudinarias homenaxes en varias ocasións.

Tamén os artistas galegos recoñeceron o seu traballo diante do micrófono cunha homenaxe en Portonovo no ano 1991 polo seu apoio a música de Galicia.

No ano 1992 foron os mariñeiros os que valoraron noutra homenaxe a súa dedicación radiofónica a este sector. Nese mesmo ano recibía o Premio Galicia hoxe, de Radio Colonia (emisora que emite para a colectividade galega en Arxentina e Uruguai) polo seu apoio aos emigrantes galegos.

O seu gran éxito chegaría co programa “PENSANDO EN TI”, que dirixe e presenta na actualidade. Este popular programa que se emite de 1 a 6 da madrugada, leva en antena desde o ano 1996 conseguindo grandes cotas de audiencia e sendo líder na súa banda horaria.

En 2003 recibiu o Premio Galicia de Comunicación en Radio outorgado pola Secretaría Xeral de Medios de Comunicación da Xunta de Galicia por converter o programa Pensando en ti nun fenómeno social.

Pensando en ti reúne cada noite a milleiros de persoas que traballan, que non queren ou non poden durmir por distintos motivos e que atopan no programa a compaña que precisan para levar con ánimo esas horas intempestivas da madrugada. A través das ondas da Radio Galega, os oíntes comparten nun ton distendido, experiencias persoais e opinións sobre todo tipo de temas que van xurdindo ó longo da noite, fomentan a amizade entre eles e axúdanse mutuamente cando é preciso. É un punto de encontro para moitas persoas, un foro de debate permanente e un servizo público que o converte en algo mais que un programa de radio.

SERVIZO PÚBLICO

O ton distendido que se utiliza habitualmente no programa, desaparece cando manda a actualidade. Nese momento os oíntes convértense en correspondentes improvisados dando conta do que sucede nas noites de Galicia convertendo o programa nun referente para os demais medios de comunicación pola cantidade de primicias que dan os condutores dende as estradas, informando sobre accidentes que se acababan de producir. O mesmo pasa cos mariñeiros que tamén están en comunicación dende os barcos.

Os oíntes teñen a seguridade de que cando algo pasa nas noites de Galicia cóntase no programa porque sempre manda o servicio público da radio para facilitarlle as cousas as persoas que poidan ter algunha dificultade. Así se fixo, por exemplo, na famosa noite dos terremotos no ano 1999 e en moitas noites de temporal e de problemas serios nas estradas ou no mar. Un bo exemplo foi a noite na que caeu a Ponte das Pías en Ferrol cando no programa se estaba informando do sucedido, incluso antes de que caera a ponte, evitando así accidentes de tráfico e outras consecuencias.

SOLIDARIEDADE

Cando é preciso, os oíntes sensibilízanse co nome do programa e aportan a  súa colaboración solidaria naqueles casos nos que alguén precisa da súa axuda. Froito desta solidariedade fixéronse varias campañas, algunhas delas con moita repercusión mediática, como a que se fixo con Cuba tralo paso do furacán Michelle. Naquela ocasión mobilizouse a audiencia de toda Galicia durante dous meses para conseguir toneladas de axuda humanitaria para Cuba (especialmente medicamentos). Parte desa axuda foi levada persoalmente por máis de cen oíntes que acompañaron a Marcial Mouzo nunha viaxe moi emotiva ata o país caribeño. O resto do material foille entregado ao cónsul de Cuba para o seu posterior traslado a aquel país.

ACOMPAÑAMENTO

Un dos obxectivos do programa é acompañar a milleiros de persoas nas longas noites de soidade nestes tempos nos que cada vez hai máis xente vivindo e morrendo soa.