~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

O acto oficial de presentación do selo postal «Efemérides. Asamblea de Melide» terá lugar o mércores 18 de febreiro

Feb 16, 2026 | Actualidade, Novas

O mércores 18 de febreiro, ás 12:00 horas, celebrarase no Centro Sociocultural Mingos de Pita o acto oficial de presentación do selo postal «Efemérides. Asamblea de Melide», emitido por Correos con motivo do 500 aniversario deste fito histórico.

No acto intervirán o alcalde de Melide, José Manuel Pérez; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; e a directora de Filatelia e Relacións Institucionais de Correos, Nuria Lera.

O programa complétase cunha interpretación musical a cargo dun gaiteiro, que executará a peza Himno do Antigo Reino de Galicia.

O selo, posto en circulación no mes de xaneiro, conta cunha tirada de 66.000 exemplares e lembra a reunión celebrada o 4 de decembro de 1520, na que representantes das principais casas nobiliarias de Galicia se xuntaron para reclamar a El-Rei a recuperación do voto en Cortes para o Reino de Galicia, a participación nas oportunidades abertas pola era dos descubrimentos e o reforzo das capacidades militares e defensivas mediante o nomeamento dunha Capitanía Xeral.

Desde o Concello de Melide agradécese o traballo desenvolvido pola Oficina de Correos de Melide e, de maneira especial, pola súa directora, Celsa Mariño, para facer posible que esta efeméride histórica se lembre nun selo postal, contribuíndo así á súa difusión por todo o territorio nacional.