Feb 29, 2024 | Actualidade, Novas

O Concello pon o foco na saúde das mulleres e na concienciación sobre a igualdade das xeracións máis novas. A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero reunirase o día 21.

O Concello de Melide conmemorará un ano máis o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, con actividades que se estenderán durante todo o mes de marzo e ata comezos do mes de abril. Nesta ocasión, o Concello volve pór o foco na mocidade con actividades específicas para os centros de ensino, ademais de organizar charlas centradas na saúde da muller.

O programa dá comezo o martes 5 de marzo. Ese día, o Centro Sociocultural Mingos de Pita acolle ás 11:30h unha función de Circo na Casa dirixida ao alumnado entre 1º e 3º de Educación Primaria dos CEIP Martagona, Mestre Pastor Barral e Nº1.

O propio 8 de marzo, venres, o alumnado do CEIP Martagona de Educación Infantil asistirá á representación de “Non hai cousas de neno e cousas de nena, só de persoas”. Ese mesmo dia, ás 12 do mediodía, lerase o manifesto institucional na praza do Convento, diante do Concello.

O xoves 21 de marzo reunirase a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. A xuntanza terá lugar no Centro Social de Melide ás 21h. Este organismo promove no ámbito local actuacións de cara á erradicación da violencia contra as mulleres.

O venres 22 de marzo o alumnado de 1º de Bacharelato do IES de Melide participará no obradoiro “Amores que molan II”. O mércores 3 de abril asistirán á mesma actividade as e os alumnos de 4º de ESO do mesmo centro.

O sábado 23, a fisioterapeuta Lorena Pampín impartirá unha charla sobre solo pelviano ás 11h no antigo centro de saúde. As inscricións para esta charla poden facerse no Centro Social ou chamando ao 981505706