As rúas e os bares énchense de xente nunha xornada na que a música e o baile tradicional mergullan a vila.
Moitas persoas estanse a achegar aos postos da Mostra de Artesanía e Instrumentos, na Praza do Convento, onde se reúnen 14 expositores que inclúen desde instrumentos de percusión, gaitas e zanfonas ata confección de traxes tradicionais. A mostra pechará ás 20:00 horas. Mañá domingo estará aberta dende as 11:00 da mañá ata as 19:00 horas.

A rúa tamén estivo animada co desfile de xigantes e cabezudos e coa música de Os Treboeiros de Muimenta.

Un dos pratos fortes estase a desenvolver tamén esta mañá co 15º Concurso de Cantos de Taberna, no que participan 21 grupos que percorren os bares da zona antiga de Melide. Ás 15.30 horas entregaranse os premios do Concurso de Cantos de Taberna na Praza das Coles.

A Foliada desenvólvese durante toda a fin de semana en Melide. Pola tarde agárdanse, entre outros, o obradoiro de baile de Manu Seoane e a Marcha Gaiteira polas rúas de Melide ata o centro da festa, na Praza das Coles, onde terá lugar o Serán. Á noite celebraranse os concertos de Os Carecos e Os D’Abaixo.
Animación e moi bo ambiente nun evento que, despois de 19 anos, se consolidou como unha das citas anuais máis importantes da cultura tradicional de Galicia.

