Abr 25, 2024 | Actualidade, Axenda Cultural, Novas

A Foliada de Melide encherá a vila de música e cultura tradicional durante toda a fin de semana. É o terceiro ano consecutivo en que a organización recae en mans do Concello. Ano a ano, o evento amosa a súa solidez e crecemento. Nesta ocasión salientan Xurxo Fernández e Xosé Lois Romero entre os artistas participantes.

Melide vivirá durante a vindeira fin de semana, 27 e 28 de abril, a XVII Foliada, un evento que se prevé novamente multitudinario e que colocará a vila como capital cultural de Galicia durante a súa celebración. O Concello organiza a edición por terceiro ano consecutivo dun evento que debe a súa creación e desenvolvemento á Asociación Cultural e Musical O Castelo, quen comezou a impulsalo en 2005. Milleiros de veciños e visitantes acoden cada ano a unha festa de dous días marcada no calendario da música tradicional.

Nesta décimo sétima edición, a Foliada é escenario de diversas actividades entre as que destacan os concertos, o tradicional concurso de cantos de tabernas, as mostras de artesanía e os seráns, xunto coa animación de rúa.

O programa de actividades dá comezo coa apertura da Mostra de Artesanía e Instrumentos na Praza do Convento e na rúa homónima anexa, o sábado 27 ás 11h. A exposición permanece aberta durante toda a fin de semana cunha vintena de postos con instrumentos, traxe tradicional ou tallas artísticas en madeira, pedra ou coiro.

Ás 11:30h, os xigantes e cabezudos, acompañados dos Treboeiros de Muimenta, ofrecen un anaco de animación de rúa enchendo o espazo público de cor. Ás 12h comezará o Concurso de Cantos de Taberna, confirmado un ano máis como un dos puntos destacados da fin de semana, con doce edicións ás costas e unha décimo terceira que será esta. Os grupos participantes percorrerán os bares da zona vella coa novidade este ano de contar cun xurado conformado por profesionais da música e o baile tradicional. Os tres grupos gañadores recibirán unha cesta de produtos locais. A entrega de premios será ás 15:30h na Praza das Coles.

Os Treboeiros de Muimenta ofrecen un novo pase á tarde, cando se celebrarán senllos obradoiros de baile, ás 17:30h para nenos e ás 18h para adultos, co bailador e mestre de baile tradicional Miguel Sotelo. Colaborará en ambos os obradoiros Bico da Balouta, e terán lugar na Praza do Convento.

Ás 19h celébrase outro clásico da Foliada: a Marcha Gaiteira, que percorre as rúas melidás. Este ano serán dez os grupos participantes, que converxerán no cantón de San Roque. Dende alí o pasarrúas multitudinario avanzará ata a praza das Coles onde se celebrará o tradicional serán. Este serán foi orixinalmente o xermolo de toda a festa da Foliada. Neste 2024 celebrarase a partir das 19:30h. Unha noite de música e bo ambiente que xunta unha ducia de agrupacións musicais galegas e doutros lugares: os melidaos Froito Novo, Herba Grileira e Pozo Pequeno, xunto con Gaiteiros do Balado e O Bingo Birón (Toques), Palacio do Rei (Palas de Rei), A Maristela (Sobrado dos Monxes), Fol da Chousa (Santiso), O Bringuelo (Arzúa), A Rexouba (A Coruña), Airiños Galegos Doce Albor (Santurtzi) e A Casa da Troula (Rekalde).

Ailá pecha a xornada do sábado por todo o alto. Será a partir das 23:30h na Praza das Coles. Unha proposta musical que xunta a tradición con novos ritmos e cores doutros lugares e culturas, representando o Tradi. Mereceu un premio Martín Códax da Música en 2023 na categoría de Música Tradicional.

Domingo 28

O domingo a Foliada continúa con toda a forza. Ás 11h reabre a mostra de artesanía e instrumentos, e xusto a continuación, ás 11:30h, celébrase un novo pase  de animación de rúa con xigantes e cabezudos apoiados pola banda gaiteira Arume de Malvas.

Ás 12h, a capela de Santo Antón acolle a presentación do libro “Concha do Canizo. Este pandeiro que toco…”, o máis recente traballo da etnomusicóloga Xulia Feixoo. Este libro  estuda as prácticas de transmisión oral protagonizadas polo pandeiro na Terra das Frieiras a través da historia da propia Concha reconstruída a partir de entrevistas e gravacións musicais inéditas.

Ás 13h, na Praza do Convento, volve actuar a banda de gaitas Arume de Malvas. O conxunto naceu no ano 2011 en Tui como proxecto veciñal e musical no ronsel do grupo folclórico Terra de Malvas. Comezaron coa banda en 2014, e dende aquela teñen recorrido toda Galicia e visitado Bretaña.

Pärbo ofrece unha actuación durante a sesión vermú que comeza ás 14h na Praza das Ichoas. O dúo está composto por dous referentes musicais como Begoña Riobó e Anxo Pintos. A primeira toca o violino e mais a arpa céltica e pon a voz no proxecto, mentres Pintos acompaña coa zanfona e o segundo violino.

Á tarde prosegue a Foliada coa actuación infantil de Pesdelán, onde mediante a música ao vivo se ensinan bailes e xogos sinxelos. Conta con bailadores e mestres de varias formacións de Galicia e de Portugal. A actuación será ás 17h na Praza do Convento.

Inmediatamente despois terán lugar os Xogos Populares na Praza do Pozo Pequeno. Será ás 18h cando dea comezo esta Xornada de xogos tradicionais interxeneracional. Estará dirixida pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional.

Simultaneamente transcorrerá a mostra de baile tradicional do Fiadeiro na Praza do Convento. Esta asociación cultural e folclórica recolle e transmite o noso legado cultural cun espectáculo de melodías, cantos e bailes.

Peche con Xurxo Fernándes, Xosé Lois Romero e Aliboria

A XVII Foliada de Melide péchase con dúas grandes actuacións na Praza das Coles a cargo de artistas senlleiros da nosa cultura. Xurxo Fernándes actúa a partir das 19h. Trátase dun dos artistas máis singulares do panorama actual. Innova desde a tradición, amosando unha visión única sobre as músicas de raíz. O seu espectáculo coral “Levaino!” é unha festa chea de tradición e exotismo onde se unen o Atlántico e mais o Mediterráneo.

Xosé Lois Romero e Aliboria poñen o broche á Foliada ás 20:30h presentando o seu segundo disco, Latexo, unha das propostas de máis calidade dos últimos tempos na música galega. Un espectáculo de canto e percusión a cargo de seis mulleres e catro homes que vén recollendo excelentes críticas.

Un ano máis, o Concello convida a toda a veciñanza e visitantes a celebrar esta Foliada. Novamente, Melide resplandecerá no panorama da música tradicional durante 48 horas que pechan por todo o alto o mes de abril.