Mar 4, 2026 | Actualidade, Novas

O Concello de Melide presenta Marzo Feminino, unha programación que se desenvolverá durante todo o mes co obxectivo de conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller. As actividades chegarán a diferentes espazos do municipio e a distintos tramos de idade, con propostas nos centros educativos e tamén iniciativas abertas á veciñanza.

A programación arrinca este venres 27 de febreiro na Escola Infantil Municipal A Galiña Azul co obradoiro Xogando en Igualdade. Xa no mes de marzo, o IES de Melide acollerá os días 3, 4 e 5 o obradoiro Cambiando o Conto, centrado nos roles e estereotipo de xénero.

O 6 de marzo será a quenda de Escolle a túa propia aventura, unha actividade dirixida ao alumnado de primeiro de Educación Primaria do CEIP Nº 1 Mestre Pastor Barral e Martagona.

En paralelo, desenvolverase o obradoiro Raíces III os días 5, 12 e 26 de marzo no Centro Social, ás 17:30 horas. Está dirixido a mulleres e conta con prazas limitadas. As inscricións poden realizarse no propio Centro Social ou no teléfono 981 505 706.

O propio 8 de marzo instalarase un posto de divulgación na Praza do Concello, de 10:00 a 13:00 horas, e ás 12:00 horas terá lugar a lectura do manifesto institucional.

A programación completarase o 12 de marzo cunha charla sobre dereitos e reivindicacións, así como coa inauguración da exposición Imprescindibles, ás 12:00 horas no Centro Social, aberta ao público en xeral e coa colaboración da ONG MDPL.