Abr 27, 2026 | Actualidade, Novas

Melide despide hoxe con éxito a súa Foliada. Este segundo día continúa a ateigar a vila, cunha gran asistencia de visitantes e veciños que gozan de cada unha das actividades dunha programación pensada para todos os públicos.

As rúas seguen hoxe cheas de xente. A Mostra de Artesanía e Instrumentos, situada na Praza do Convento, permanece aberta ata as 19.00 horas.

Durante a mañá celebrouse a presentación musicalizada do libro ‘O violín que trae o vento’, de Adrián Méndez, no Salón de Plenos do Concello. No acto participou a edil de Política Social, Carmen Liñeira.

‘O Violín que trae o vento’, relata a vida de Modesta Fernández, máis coñecida como ‘A cega de Noceda’, violinista da Fonsagrada. Conta coa colaboración de Xulia Feixoo e Begoña Riobó. Tamén ten unha parte musical na que colaboraron Pärbo, As Cegas de Ouselle, Caldo, Caamaño&Ameixeiras, Abril e Carmen&Marcos.

Ademais, a Banda de Gaitas de Ortigueira, acompañada de xigantes e cabezudos, animou as rúas e actuou posteriormente na Praza do Convento.

A sesión vermú está a celebrarse na Praza das Ichoas, a cargo de Irmaus da Raia Seca.

Pola tarde, a Foliada traerá a actuación dos Monifates para o público máis novo na Praza do Convento, cun enfoque didáctico para dar a coñecer a riqueza e variedade da música e da instrumentación tradicional galega, mesturada co baile e coas historias dos seus personaxes.

Haberá tamén xogos populares interxeracionais, dirixidos pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, na Rúa do Convento.  A maiores, a programación inclúe para este tarde de domingo, ás 18:00 horas, a Mostra de Baile Tradicional con Cantigas e Frores.

Poñen o final a esta 19 edición da Foliada os concertos de Felisa Segade, ás 19:00 horas na Praza das Coles, e de Tiruleque, ás 21.00 horas.