Este sábado 7 de marzo, a localidade de Melide acollerá unha das citas máis esixentes e espectaculares do calendario deportivo rexional: o Campionato Galego de Raid de Orientación. A proba foi presentada esta mañá no Concello de Melide polo alcalde, José Manuel Pérez, a concelleira Ana Mosteiro, membros do Club Aromon Pontevedra e da Asociación Deportiva Cerne.
A carreira arrancará oficialmente ás 10:00 horas, momento no que os equipos se lanzarán a descubrir un percorrido deseñado para poñer a proba tanto a súa capacidade física como a súa pericia estratéxica. As persoas participantes terán ata as 18:00 horas para completar os controis de paso antes do peche de meta.
Actualmente hai 36 equipos federados confirmados. O prazo para os deportistas federados que busquen o título autonómico remata hoxe ás 22:00 horas. Toda a información técnica e os detalles do evento están dispoñibles no portal oficial da Federación Galega de Orientación (FEGADO). A carreira poderá seguirse en directo a través da plataforma TracktheRace.
Proba Popular
Máis alá da competición oficial, a organización apostou pola promoción deste deporte cunha Proba Popular paralela. Esta modalidade está deseñada para que calquera persoa, sen necesidade de experiencia previa nin licenza federativa, poida experimentar a esencia dun Raid de Aventura.
«Queremos que o Raid non sexa só para expertos. A proba popular é a oportunidade perfecta para que familias e amizades descubran como se sente orientarse no monte e superar retos en equipo», sinalan desde a organización.
A diferenza do Campionato Galego, as inscricións para a categoría popular continúan abertas, convidando á veciñanza de Melide e ás persoas visitantes a sumarse á experiencia.
O alcalde de Melide asegura que “para nós é importante que Melide acolla probas deportivas deste nivel, porque ademais de dar visibilidade ao noso Concello tamén dinamizan a vila e poñen en valor a nosa contorna. Sempre é positivo abrir as portas a iniciativas que fomentan o deporte e atraen xente durante a fin de semana”.
Raid de Orientación
O Raid de Orientación é unha competición multidisciplinar por equipos na que a navegación e a orientación son as claves. As persoas participantes deben desprazarse por terreos naturais empregando medios non motorizados, xeralmente carreira a pé, bicicleta de montaña e outras probas especiais, localizando puntos de control coa única axuda dun mapa e un compás.
O II Raid de Melide está organizado polo Concello de Melide, Club Aromon Pontevedra e a Asociación Deportiva Cerne.

