Feb 16, 2024 | Actualidade, Novas

A edición 2024 conta con 15 establecementos inscritos ata a data. O Mercamelide ofrece bo produto e grandes descontos en fogar, roupa, tecnoloxía, electrodomésticos e outros produtos e servizos.

O Concello de Melide vén de facer público o cartel da edición de 2024 do Mercamelide de Inverno, o gran evento de promoción do comercio local nestas datas. Este evento volve ofrecer un espazo de compra durante a fin de semana do 24 e 25 de febreiro no Pazo de Congresos, onde as e os veciños e visitantes poderán adquirir produtos de primeira calidade, do comercio de proximidade e sempre a prezos competitivos. Entre os bens ofertados atópanse produtos de fogar, roupa, tecnoloxía ou electrodomésticos.

A data do 16 de febreiro hai xa 15 establecementos adheridos ao evento, que contarán con postos de venda no Mercamelide. A inscrición de novos establecementos continúa aberta ata o vindeiro martes 20. Os establecementos que queiran anotarse ata esta data poden facelo no Departamento de Comercio do Concello de Melide.

Durante todas as edicións pasadas, o Mercamelide rexistrou un gran número de visitantes e un alto volume de vendas. No Mercamelide ofrécense, aplicando importantes descontos, produtos diversos de mobiliario, menaxe, produtos do fogar, seguros, decoración, calzado, lencería, mercería, produtos deportivos, produtos de beleza, novas tecnoloxías, electrodomésticos, complementos ou perfumería.

O concelleiro de Comercio do Concello de Melide, Xosé Igrexas, adiantou que “o crecemento en establecementos participantes demostra a consolidación dun evento fundamental para o comercio local nos primeiros meses do ano en Melide”. Tamén puxo en valor o bo recibimento cidadán que rexistra cada ano o Mercamelide, augurando un novo incremento de asistentes nesta edición de 2024.