Abr 20, 2024 | Actualidade, Axenda Cultural, Novas

Dentro do programa de actividades presentarase a novela “El tiempo de la sal”, XXV Premio Tiflos, e representaranse funcións de narración oral e monicreques para os pequenos do concello. Ademais, crearase un punto de lectura infantil no centro de saúde.

Un variado programa de actividades conmemorará neste abril o Mes do Libro, impulsadas polo Concello de Melide. O martes 23, a data en que se celebra o Día Internacional do Libro, a Biblioteca Xosé Vázquez Pintor acollerá a representación do espectáculo de narración oral e monicreques “Lúa quere viaxar a… Marte!”, a cargo da compañía A Xanela do Maxín. A función diríxese ao alumnado de educación infantil dos tres colexios de Melide, en pases que se celebrarán ás 10h, ás 11h e ás 12h.

Ao día seguinte, o mércores 24 de abril, Cris de Caldas traerá o seu espectáculo de narración oral e monicreques “Menú Máxico de Contos”. Será, como o día anterior, na Biblioteca Xosé Vázquez Pintor, desta volta orientada aos alumnos e alumnas de primaria dos colexios. As sesións serán ás 10h, 11,h e 12h.

O venres 26 de abril, a autora María Teresa Pereiro presentará o seu libro “El tiempo de la sal” na sala de conferencias do edificio multiusos. Será ás 20h. O libro, unha novela, ambiéntase no Vigo de finais do século XIX e ten como protagonista a Sabela, unha moza traballadora na esmorecente industria do salgado. Trátase dun relato intimista onde a realidade e a ficción se enlazan na construción da narración, merecedor do XXV Premio Tiflos de Novela.

Por outra banda, o Concello anuncia, e dentro das actividades do Mes do Libro, a creación dun punto de lectura infantil no centro de saúde de Melide.