Abr 17, 2024 | Actualidade, Novas

 O evento deportivo terá lugar no pavillón municipal. Competirán seis equipos de toda Galicia en senllos partidos de cuartos de final e de semifinal.

A Fase Previa Galega de Prebenxamíns de Fútbol Sala celebrarase no Pavillón Municipal de Melide o domingo 28 de abril. Así o anunciaron na presentación que tivo lugar esta mañá no Concello os representantes do Goberno local xunto con representantes da Real Federación Galega de Fútbol e do Melide Fútbol Sala.

Por parte do Concello, tomaron parte no acto o alcalde, José Manuel Pérez, e a concelleira de Deportes, Carmen Liñeira, quen valoraron moi positivamente a celebración deste evento deportivo no noso municipio. Por parte da Federación interviñeron Pablo Prieto, vicepresidente do Comité Galego de Fútbol Sala da RFGF, e Silvia Cancela, membro da Xunta Directiva da entidade do fútbol galego. Tamén estivo presente Óscar Carracedo, presidente do Melide Fútbol Sala.

Esta proba reunirá 120 deportistas organizados en seis equipos de toda Galicia. A Fase Previa celebrarase durante toda a xornada do domingo, arrincando ás 10h co primeiro partido de cuartos de final e rematando cun partido de semifinal que arrincará ás 18:15h. En total disputaranse 6 encontros deportivos, catro de cuartos de final e dous de semifinal.

Todos os participantes na presentación coincidiron en sinalar a importancia de que Melide acolla un evento deportivo destas características, que contribúe a situar o municipio como un referente da práctica deportiva a nivel galego.