Mar 8, 2026 | Actualidade, Novas

A conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, permítenos lembrar, reivindicar e facer balance dos avances acadados.

Unha data mundialmente rememorada na que a ONU, neste 2026, reivindica os dereitos, xustiza e acción para todas as mulleres e nenas. Onde fai un chamamento a acción para esixir igualdade de dereitos e tamen unha xustiza que garantice que os dereitos se cumpran, exerzan e desfuten. A nivel global, tamén chama á acción para desmantelar barreiras estruturais que impiden a igualdade de xustiza, leis discriminatorias, protección xurídica deficiente e prácticas sociais nocivas que socavan os dereitos das mulleres e nenas.

Como cada 8 de Marzo, no Día Internacional da Muller, o Concello de Melide súmase á reivindicación e á loita polos dereitos das mulleres, sen distinción de orixe, idade, orientación sexual, discapacidade ou calquera outra condición.

Rexeitamos todas as desigualdades e discriminacións que sofren as mulleres en todos os ámbitos e dun xeito estrutural só polo feito de ser mulleres.

Se miramos cara atrás podemos comprobar como esta loita por conseguir unha igualdade real leva un longo camiño percorrido, no que se acadaron moitos logros, permitíndonos avanzar como sociedade, pero non podemos desistir nin baixar a garda, porque as desigualdades continúan existindo, algunhas están perpetuadas e mesmo poden pasar desapercibidas, outras simplemente foron cambiando de forma.

Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) as mulleres representan aproximadamente o 51% da poboación en España e a realidade non nos permite mirar para outro lado:

-No ámbito laboral, estudos recentes destacan que a brecha salarial aparece cando as mulleres deben elixir entre a maternidade ou continuar coa súa carreira laboral; o traballo a tempo parcial segue a estar feminizado, tamén son as mulleres as que están máis desempregadas, e os sectores feminizados seguen sendo os máis precarios.

– No ámbito doméstico, as estatísticas mostran o desequilibrio que segue existindo no reparto das tarefas do fogar, xa que as mulleres son as que continúan asumindo maioritariamente unha carga desproporcionada nas tarefas non remuneradas, relacionadas cos coidados dos fillos e fillas e persoas.

-No ámbito educativo, consideramos que é necesario fomentar os valores de igualdade e respecto dende idades moi temperás, e por iso dende o Concello impulsamos actividades dirixidas á rapazada e que levamos a cabo en colaboración cos centros educativos da vila.

– Os datos relativos á violencia de xénero, como expresión máxima de desigualdade, seguen sendo alarmantes: 10 mulleres e dous menores foron asasinadas no que vai de ano.

 A igualdade é unha débeda que temos como sociedade, polo que facemos un chamamento a todas as administracións públicas, á sociedade civil, e tamén ó sector privado para que –xuntos e coordinados- sigamos traballando cada día nesta loita por acadar unha sociedade na que a igualdade deixe de ser unha utopía e se converta nunha realidade.

Porque cando unha muller avanza, ningún home retrocede. Cando una muller avanza todas dan un paso ó fronte e medramos como sociedade.