~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

Furelos viaxa ao ano 1900 cun Mercado de Época que enche a parroquia de artesanía, gastronomía e animación

Set 19, 2026 | Actualidade, Novas

A parroquia de Furelos atópase mergullada no ano 1900 coa celebración do IX Mercado de Época, organizado polo Concello de Melide, que transforma durante esta fin de semana a imaxe habitual da parroquia. Os postos de artesanía e alimentación, as exposicións, os obradoiros de oficios e os figurantes recrean a vida de comezos do século XX, nunha cita que reúne a veciñanza e visitantes e que continuará ata mañá domingo.

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e os edís Xosé Igrexas, responsable da área de Comercio, e Carmen Liñeira, responsable de Política Social, comparten a xornada coa veciñanza e visitantes, percorrendo o mercado e acompañándoos nas diferentes actividades programadas. Dende o Concello de Melide convidan á veciñanza e visitantes a achegarse a Furelos para percorrer o mercado e gozar das actividades que aínda quedan por diante nesta novena edición, aproveitando tamén o tren turístico que facilita o desprazamento dende o centro da vila.

A programación continuará durante toda a tarde e a noite deste sábado, con propostas que se prolongarán tamén durante a xornada de mañá domingo. O mercado permanecerá aberto hoxe ata as 22:30 horas e mañá poderá visitarse de 11:30 a 22:30 horas.

Música, teatro e espectáculos durante toda a fin de semana
Entre as actividades previstas para este sábado, o grupo de pandeireteiras de Monte Furado realizou pasarrúas pola mañá e farao de 18:00 a 19:00 horas. Mañá domingo, de 17:00 a 19:00 horas, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional ofrecerá xogos tradicionais.

Durante ambas as xornadas hai tamén animación musical, pasarrúas e teatro de rúa, coa presenza de personaxes como a Muller Barbuda, unha pitonisa, unha criada de época e unha carteira de época, ademais dun espectáculo de circo e un baile de Charlestón. Ao remate de cada xornada, tanto hoxe sábado como mañá domingo, están previstos un espectáculo aéreo e outro de lume.

Un ano máis, o mercado conta co habitual tren turístico, que une o centro da vila de Melide con Furelos, con paradas diante da Capela de San Roque e na propia parroquia. O servizo continuará funcionando pola tarde de 16:00 a 20:00 horas e mañá domingo estará dispoñible de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.