Feb 15, 2023 | Axenda

Melide vivirá as festas de Entroido 2023 cunha completa programación que volve encher as rúas de cor, música, alegría e, sobre todo, moitos disfraces. As actividades darán comezo o venres 17 de febreiro e prolongaranse ata o mércores 22.

Conservatorio de Música de Melide arrinca as actividades de celebración co seu Concerto de Entroido. Será o venres 17 ás 20h no Centro Sociocultural Mingos de Pita.

Ao día seguinte, sábado 18, terán lugar tres actividades distintas. De 17h a 19h, a Praza das Coles acollerá unha fantástica Festa Infantil de Disfraces con xogos, baile, música e obradoiros. No caso de choiva, a actividade trasladaríase ao Pazo de Congresos. Tamén ás 17h terá lugar no Centro Social a actuación de Suso de Boente.

Ás 19h, o Pasarrúas de Entroido saíra da praza do Convento acompañado polo Folión Gaiteiro de Herba Grileira. Percorrerán as rúas da vila e rematarán cunha espectacular foliada na praza das Coles, durante a cal se ofrecerá unha degustación de produtos típicos do Entroido.

Concurso de disfraces e desfile

O domingo 19 terá lugar o Concurso de Disfraces de Melide, co tradicional desfile das e dos participantes, que partirá ás 17:30h do Cantón de San Roque, onde previamente terá lugar a recepción dende as 16:30h. O concurso celebrarase ás 18:30h no Pazo de Congresos. Se chovese, o desfile cancelarase e a recepción comezaría ás 17:30 no Pazo de Congresos.

Nesta ocasión, son tres as categorías a concurso, cun primeiro e segundo premio para cada unha delas. Na categoría comparsas participarán grupos de máis de oito participantes. O1º Premio será de 1.000 €, e de 700 o segundo. Na categoría de grupos tomarán parte grupos de 3 a 8 participantes, cun primeiro premio de 400 € e un segundo de 300. Na última categoría, a individual ou por parellas, haberá tamén dous premios. O primeiro será de 150 euros, e o segundo, de 100.

A inscrición no concurso permanece aberta ata as 14h do vindeiro xoves 17 de febreiro. Pode realizarse no Departamento de Cultura do Concello. Tamén poderán efectuarse inscricións antes de comezar o desfile, en horario de 16:30h a 17h, aínda que neste caso non se poderá escoller a música para o pase polo escenario.

O xurado do concurso, conformado por membros das asociacións e entidades municipais vinculadas á cultura e tradición, terá en conta aspectos como a orixinalidade do disfrace, o vestiario, a maquillaxe, a coreografía e música ou a posta en escena, así como o traballo feito a man na confección do disfrace.

Luns e martes de Entroido

O luns 20 de febreiro as e os melidaos máis novos teñen unha cita na Festa de Inchábeis do Pazo de Congresos, de 16h a 20h. Ademais, e de luns a mércores, o Edificio Multiusos acollerá uns talleres de entroido para nenas e nenos de 4 a 12 anos. As inscricións poden facerse no Departamento de Cultura do Concello.

O martes 21 de febreiro, o Pasarrúas do Antroido, acompañado de Gaiteiros do País, partirá ás 19h da praza do Convento. Rematará na praza dos Coles, onde actuarán as Viqueiras de Ordes cos seus cabezudos. As e os asistentes poderán desfrutar dunha degustación de doces e chocolates.

Ás 21h procederase á lectura do pregón e á queima do Entroido, póndose punto final a unhas celebracións coas que Melide recupera esta festa con plena normalidade.