O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e membros da Asociación Clásicos Terra de Melide presentaron esta mañá, no Salón de Plenos do Concello, a sexta edición da Xuntanza Clásicos Terra de Melide, que se celebrará o sábado 19 de setembro.
Como en edicións previas, está prevista a participación duns 70 vehículos clásicos procedentes de distintos puntos de Galicia aos que se teñen sumado, en ocasións anteriores, tamén participantes de Asturias. Os coches permanecerán expostos no Pazo de Congresos de Melide ata a unha do mediodía, polo que veciñanza, visitantes e persoas afeccionadas ao motor poderán achegarse para contemplalos.
Tras a exposición, os participantes realizarán unha ruta pola contorna de Melide e, posteriormente, compartirán un xantar no Mesón de Folgoso, que adoita reunir máis de 150 persoas.
Desde a organización explican que o límite para participar está fixado en vehículos anteriores ao ano 1992, polo que adoitan reunirse coches antigos que espertan un gran interese entre o público. Ademais, sinalan que as persoas que se inscriben adoitan quedar moi satisfeitas coa experiencia e o entorno, e que moitas delas repiten en edicións posteriores.
As prazas para participar son limitadas. As inscricións poden realizarse por teléfono ou WhatsApp nos números 608 684 719, 638 063 055 e 618 490 138.
O rexedor agradeceu o compromiso da Asociación Clásicos Terra de Melide por impulsar unha iniciativa que alcanza xa a súa sexta edición e destacou que, ademais de poñer en valor vehículos que forman parte da nosa historia, contribúe a atraer visitantes e dinamizar a actividade no municipio e na comarca.

