~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

Vinte persoas recibirán formación en reforestación e tratamentos silvícolas no obradoiro “Natureza no Camiño de Santiago” dos Concellos de Melide, Arzúa, Santiso e Toques

A Xunta de Galicia subvencionará a actividade con medio millón de euros. O obradoiro durará un ano e dará comezo no mes de setembro. Intevirase en 33 puntos dos catro concellos.

Unha vintena de alumnas e alumnos de Melide, Arzúa, Santiso e Toques formarase no obradoiro dual de emprego organizado conxuntamente por estes Concellos baixo a denominación “Natureza no Camiño de Santiago”. O curso, centrado en repoboación forestal e tratamentos silvícolas, estenderase durante un ano, dando comezo o vindeiro mes de setembro.

A Xunta de Galicia, a través da súa Xefatura Territorial da Coruña, vén de resolver favorablemente a concesión dunha subvención de 503.987€ para a realización deste proxecto. Deste modo, o Goberno autonómico achegará dúas anualidades por valor de 176.395,45€ e 327.591,55€ en 2022 e 2023 respectivamente.

Entre as zonas que serán obxecto de actuación no desenvolvemento do curso, atópanse varias parcelas forestais públicas na concentración parcelaria Maceda-Orois de Melide, e no camiño da ruta da senda do Bocelo no mesmo municipio. En Arzúa, levaranse a cabo actuacións de mantemento, roza, limpeza e silvícolas na Mota, Beis-Oíns, Castro Curbín (Rendal), Tronceda, Dombodán e Burres.

En Santiso, as actividades levaranse a cabo na zona náutica de Beigondo e nas fincas do Castro de Ribadulla, no campo da festa de Barazón e o campo de fútbol de Visantoña. Tamén na área de Belmil; no muíño, fonte e lavadoiro de Novela; no campo da festa de Serantes e no camiño Fonte Santa.

En Toques, as zonas comprendidas serán as contornas das capelas de San Cidre e San Antolín, a contorna de San Antolín e das fervenzas de Brañas, no Forno dos Mouros, o Castro da Graña, e os roteiros da Fervenza, a Ermida e os Megalitos, así como no sendeiro do Bocelo.