Xul 18, 2025 | Actualidade, Novas

As celebracións están organizadas pola Asociación de Festas de San Roque, co apoio do Concello de Melide e a Deputación da Coruña.  O cartel inclúe grupos veteranos como os Heredeiros da Crus, ademais dalgunhas das mellores orquestras de Galicia como a París de Noia, a Olympus e a Panorama.

As Festas de San Roque regresan este mes de agosto a Melide cunha semana de celebracións por toda a vila, onde salientan novamente grandes eventos musicais. O cartel oficial das festas foi presentado esta mañá na Casa do Concello.

As festas dan comezo o xoves 14 de agosto. Pola mañá, ás 10:30h, terá lugar o disparo de bombas de palenque, actividade que se repetirá durante todas as mañás da semana de festas. Ás 18h abriranse as atraccións e os postos da festa, e a continuación a charanga Leña Verde ofrecerá un pasarrúas moi animado dende as 20h, antes de dar unha actuación no Cantón de San Roque ás 23h. No mesmo lugar, xa ás 00:30, actuará a afamada Orquestra Panorama enchendo de ritmos animados a noite.

O venres 15, maiores e pequenos poderán desfrutar xuntos da Ruta Familiar en Bici que partirá ás 10:30h do Cantón de San Roque. Esa noite, porán a música e a diversión Mekánica Rolling Band (22:30h) e a orquestra El Combo Dominicano (00:30h), en senllos concertos no Cantón de San Roque.

O sábado 16 de agosto, as rúas estarán ateigadas de música e bo ambiente dende primeira hora. Ás 11 da mañá, a Banda de Música de Visantoña levará a cabo un pasarrúas pola vila. Ás 13h ofrecerá unha actuación na misa solemne da igrexa parroquial e, ás 14h, un concerto na Praza do Convento. No mesmo espazo, ás 19h, o público poderá desfrutar do espectáculo de circo e acrobacias Távole, a cargo de Circo Chosco. Ás 21:30h, a Banda de Música de Visantoña ofrecerá un novo concerto no mesmo lugar.

Ás dá comezo a actuación dos Melidaos no Centro Sociocultural Mingos de Pita, cun espectáculo único e especial no que estarán acompañados por grandes figuras da música tradicional galega. A medianoite, Melide vibrará coa actuación sempre enérxica e desenfadada dos veteranos Heredeiros da Crus. A noite péchase coa actuación da orquestra Los Coleguitas a partir da 1.30h.

O domingo 17 de agosto, o pasarrúas correrá a cargo de Froito Novo, a partir das 11h da mañá. A mesma agrupación actuará na misa solemne ás 13h. A mediodía, ás 14h, terá lugar unha comida campestre no inigualable marco da praia fluvial de Furelos, un dos espazos recreativos máis destacados do municipio.

Ás 19h, a Coral Polifónica de Melide ofrecerá un concerto na Praza do Convento, seguido por un divertido pasarrúas da charanga Evaristo. Ás 22:30h, na mesma praza, a Banda de Música de Arzúa levará a cabo a súa actuación. Ás 23h, no Cantón de San Roque, actuará a charanga Evaristo, seguida ás 00:30h polo grupo Bomba.

O ritmo non decae na segunda semana de celebracións. O luns 18 de agosto, o pasarrúas da Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla percorrerá o centro da vila dende as 11h, antes de ofreceren un concerto na Praza do Convento ás 14h. No mesmo lugar, xa pola tarde, Xampatito Pato ofrecerá o seu espectáculo de circo e marionetas Compaña, ás 19h. Ás 22h, a Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla ofrece un novo concerto na praza do Convento.

Á noite, dupla sesión de orquestra. Ás 23h terá lugar a actuación de Los Satélites no Cantón de San Roque, seguida a partir das 00:30h por Origen.

O martes 19, Herba Grileira protagonizará un pasarrúas a partir das 11h. Ás 19h, Ollo Piollo ofrece o espectáculo Sons na Batea na Praza do Convento. Trátase dun concerto musical con animación, con pezas de ritmos variados baseadas en contos infantís.

Ás 22:30h, a charanga Ardores actuará no Cantón de San Roque, antes da orquestra Olympus que fará o propio ás 00:30.

O mércores 20 de agosto, as nenas e nenos da casa teñen unha cita ás 19h cos Bolechas para desfrutaren de O gran reto deportivo, un espectáculo de monicreques na Praza do Convento. E á noite, ás 22:30h, os Festicultores Troupe animarán a festa e porán o público a bailar no Cantón de San Roque, preparados para o concerto que ofrecerá posteriormente, ás 00:30h, a París de Noia.

O xoves 21 de agosto, as festas péchanse coa tradicional celebración do Día do Neno. Ese día, as cativas e cativos gozarán de descontos nas atraccións dende as 17h e, a partir das 18h, poderán desfrutar de zumes e xeados de balde.

Un ano máis, o Concello parabeniza a comisión de festas polo seu traballo e convida a toda a veciñanza a desfrutar dunhas celebracións diversas e divertidas.