As Tanxugueiras, Celtas Cortos e as orquestras Panorama, París de Noia ou Olympus, entre os pratos fortes dunha programación diversa.
Melide prepárase para unha nova edición das tradicionais Festas de San Roque, do 14 ao 21 de agosto. O cartel da presente edición presentouse esta mañá na Casa do Concello de Melide. A festa está organizada pola Asociación de Festas de San Roque, co apoio do Concello de Melide e da Deputación da Coruña.
O mércores 14 de agosto, a programación incluirá o concerto dos veteranos Celtas Cortos. Tamén haberá espazo para a música tradicional, coas actuacións de Os Melidaos e de Xascariz, o proxecto do gaiteiro Suso Ascariz.
O xoves 15, as festas continúan coa célebre orquestra EL Combo Dominicano. Complementará a actuación Mekanika Rolling Band, unha animada charanga de Negreira gañadora do Cantalingua 2022.
Ao día seguinte, venres 16, a festa prosegue coa esperada actuación da orquestra Panorama. Ademais, a Banda de Música de Visantoña ofrecerá un concerto do seu amplo repertorio. Se quedan forzas, os Festicultores Troupe traerán o espectáculo máis gamberro para pór a todos os asistentes a bailar ao ritmo dos seus ocorrentes temas.
O sábado 17, o San Roque continúa cun repertorio diverso que deixa un importante espazo para o tradicional e para grupos locais. Despois do concerto da orquestra Fuerza Nueva, Melide vibrará coas Tanxugueiras. Actuarán tamén a Coral Polifónica de Melide e o grupo Froito Novo.
O domingo 18, o día do río, será a quenda da afamada orquestra París de Noia. Completan a programación a Banda de Música de Arzúa e mais a charanga Ardores.
O luns 19, a programación inclúe as actuacións do Grupo Bomba, a formación melidá tradicional Herba Grileira e a veterana orquestra Los Satélites. Pola súa banda, o martes 20, actuarán Louband, a Banda de Santa Cruz de Ribadulla e a orquestra Olympus.
O mércores 21, co motivo do Día do Neno, haberá descontos e actividades para os máis pequenos da casa.
Dende o Concello de Melide convídase a toda a cidadanía a desfrutar dunha nova edición das célebres Festas de San Roque, cunha programación diversa e para todos os gustos.