Dec 22, 2025 | Actualidade, Novas

O Concello de Melide pon en marcha a campaña de normalización lingüística “Unha lingua, mil desexos. Escribe a túa carta en galego”, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre os nenos e nenas a través da escrita das tradicionais cartas dirixidas aos Reis Magos.

A campaña inclúe a elaboración dun modelo de carta en galego, deseñado especificamente para facilitar e animar á rapazada a empregar a lingua propia na expresión dos seus desexos e ilusións nestas datas tan sinaladas. Este modelo foi repartido entre todo o alumnado dos tres colexios de Melide.

Ademais, as cartas poderán recollerse tamén nas tendas de regalos da vila, co fin de ampliar o seu alcance e facilitar o acceso ás familias. O material estará igualmente dispoñible para a súa descarga nas redes sociais do Concello.

Con esta iniciativa, o Concello de Melide pretende reforzar a presenza do galego no día a día da infancia, poñendo en valor o seu uso como lingua válida, próxima e chea de posibilidades para comunicar soños, ilusións e sentimentos.

A campaña “Unha lingua, mil desexos” reafirma así o compromiso municipal coa promoción do galego e coa importancia de transmitilo ás novas xeracións como unha ferramenta de identidade, creatividade e futuro.