A clausura terá lugar o venres 27 -no caso das Escolas Deportivas- e o domingo 29 -no das Culturais-. Ata 400 veciñas e veciños de Melide participaron nas Escolas Deportivas e Culturais que rematan na última semana do mes de maio. O Concello valora moi positivamente a participación e salienta que se conseguiu operar con normalidade durante case todo o curso.
As Escolas Deportivas e Culturais organizadas polo Concello de Melide pechan o curso 2021-2022 na última semana de maio. Nesta edición, un total de 400 veciños participaron nestas actividades coas que se oferta anualmente un amplo programa á cidadanía.
Mañá, venres 27, celebrase a clausura das Escolas Deportivas. Ás 17h terá lugar a clausura da actividade de Patinaxe no Parque Rosalía de Castro, e dende as 19h o Polideportivo Municipal acollerá a clausura do resto de modalidades.
Pola súa banda, a clausura das Escolas Culturais terá lugar o domingo 29 ás 17h no Centro Sociocultural Mingos de Pita. No evento estará presente o alumnado das actividades de teatro, ballet e baile moderno. Ademais, as persoas participantes nas aulas de pintura exporán as súas obras dende o venres 27 de maio ao venres 3 de xuño no edificio multiusos.
As Escolas Deportivas contaron con 298 participantes. Destas persoas, un total de 180 ten máis de 65 anos, e outras 118 son persoas mozas e nenas e nenos. As actividades deportivas incluíron Pilates, Escolas de Costas, Tonificación, Zumba, TRX, Hipopresivos, Ioga, Aeróbic, Baloncesto, Fútbol Sala -nas categorías de Biberón, Prebenxamín, Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete-, Patinaxe, Pilates infantil, Atletismo, Xadrez, Bádminton e Xogos Deportivos para nenas e nenos nados de 2014 a 2017.
Nas Escolas Culturais, participaron máis dun centenar de persoas. As actividades incluíron Teatro, Ballet, Baile Moderno, Pintura, Costura, Fotografía, Ioga infantil, Bailes de Salón e un Clube de Lectura.
Ademais das actividades culturais e deportivas, leváronse a cabo actividades de memoria no Centro Social, incluíndo memoria e manualidades.
Tanto dende a Concellería de Deportes como dende a de Cultura se valora moi positivamente a realización destas escolas. O concelleiro de Deportes, José Prado, amosouse “moi satisfeito” por un curso deportivo que operou con normalidade coa excepción dun pequeno parón, motivado pola situación covid-19, entre xaneiro e febreiro deste ano. “Neste curso fomos quen de retomar a actividade física con plenas garantías e unha participación moi alta, o cal supón o regreso á normalidade no ámbito deportivo”, explicou. Pola súa banda, Mayka Basalo, edil de Cultura, destacou a gran aceptación que tiveron as actividades culturais que se ofertaron e a normalidade no seu desenrolo.