Nov 7, 2022 | Actualidade

Durante o mes de outubro, un total de 166 persoas participaron nas actividades culturais. No relativo ás deportivas, foron 362. Ademais, preto de 50 persoas participan nas actividades de ximnasia por parroquias.

O primeiro mes de actividade das Escolas Deportivas e Culturais 2022-2023 do Concello de Melide chegou á súa fin cun balance moi positivo en número de participantes e, especialmente, polo incremento nesta cifra fronte á edición do curso pasado. Se daquela foran 400 as veciñas e veciños de Melide inscritos no programa, actualmente son 528 as persoas que participan nalgunha das moitas actividades ofertadas nos ámbitos cultural e deportivo.

Nas Escolas Culturais, son 166 as persoas participantes. As actividades dispoñibles son teatro, ballet, baile moderno, cociña, cociña adultos, pintura, costura, fotografía e club de lectura. A concelleira de Cultura, Mayka Basalo, destacou a boa acollida, un ano máis, deste programa. A edil tamén fixo referencia á diversidade de actividades e asegurou que Melide segue a ser “un referente” na oferta de actividades culturais para que a veciñanza “amose e descubra o seu talento”.

En canto ás actividades deportivas, contan con 362 persoas inscritas que participan nas distintas modalidades ofertadas: hipopresivos, tonificación, tonificación/TRX, deporte combinado, escola de costas, aeróbic, zumba, , bádminton, baloncesto, , atletismo, fútbol sala, Pilates, patinaxe, ximnasia. O concelleiro de Deportes, José Prado, amosou a súa satisfacción por “ver un ano máis como se involucra a veciñanza, como o polideportivo medrou en uso e como se promocionan valores e hábitos de vida saudables” entre a veciñanza.

O responsable de Deportes quixo tamén destacar “o gran incremento” en uso dos espazos deportivos melidaos. “Temos a impresión de que nos últimos tempos estamos a conseguir que as infraestruturas deportivas do concello teñan un volume de uso sen precedentes e ofrezan realmente a todas e todos os veciños espazos para iniciarse e redescubrir o deporte”, engadiu.

Ximnasia por parroquias

Por outra banda, deron comezo o pasado 24 de outubro as actividades da ximnasia por parroquias, que ofrece este servizo nos núcleos urbanos do rural melidao. Preto de cincuenta persoas participan nestas actividades que se imparten nos locais sociais de Moldes, San Martiño, Maceda, San Salvador, Furelos, a Garea e Grobas.

Do mesmo modo, e por segundo ano consecutivo, puxéronse en marcha os obradoiros de memoria. A concelleira de Política Social, Carmen Liñeira, explica que esta actividade que orixinalmente se impartía unicamente no casco urbano foi estendida ás parroquias para garantir a igualdade de recursos e servizos para a poboación rural.