A edición 2022-2023 do evento contou con 20 parellas, oito máis que a anterior. As tres primeiras parellas de cada categoría recibiron o seu trofeo e bolsas de material deportivo.
A segunda edición da Liga de Pádel de Melide vén de rematar tras unha tempada que contou coa participación de vinte parellas, o que supón oito máis que na primeira edición, ou o que é o mesmo, un incremento dun 67%. Os gañadores desta II Liga, distribuída en dúas divisións con ascensos e descensos, recibiron un trofeo conmemorativo e unha bolsa de material deportivo de agasallo.
Na 1ª División da Liga de Pádel resultou gañadora a parella conformada polos xogadores Ico Pampín e Pablo Remeseiro. Os segundos na clasificación foron Javier Casal e Javier Blanco, e a terceira parella foi a de Dani Cabo e Martín Conde.
Pola súa banda, na 2ª División, o podio foi para as parellas Jim e Suso, Óscar e Sergio, e Marcos Costoya e Marcos Sánchez.
O sistema de dúas divisións foi a maior novidade desta segunda edición, producíndose ascensos e descensos entre categorías a metade da tempada.
O concelleiro de Deportes, José Prado, subliñou que un ano máis a participación na Liga foi moi notable e que, tal e como reclamaron as parellas participantes, a Liga de Pádel celebrará a súa terceira edición a partir do vindeiro outono. O edil considerou que “esta segunda edición da Liga culmina o proxecto que nos últimos anos levamos a cabo para pór en valor as instalacións deportivas, comezando coa automatización do sistema de reserva de pista, que facilitou e disparou o uso das instalacións”.
Outras medidas, como a delimitación do recinto das pistas polideportivas, tamén consolidaron a práctica do pádel, un deporte que ten en Melide unha referencia tamén para concellos limítrofes que non contan con este tipo de instalacións, reflexionou José Prado. “A nosa valoración desta edición é extraordinariamente positiva”, resumiu o edil, que quixo agradecer a participación destes 40 deportistas e a colaboración, un ano máis, de Jim Sports.