O documental de Aser Álvarez, producido por Arraianos, aproxímase ao espazo territorial percorrido polo bispo hai máis de 1.500 anos, visitando xacementos arqueolóxicos esparexidos por toda Galicia e por zonas de Portugal e Castela e León. Será ás 19h do domingo 12 de outubro no centro sociocultural Mingos de Pita, dentro do Outono Cultural. Estará presente o director e, previamente, intervirá o historiador e arqueólogo Diego Piay Augusto.
Melide proxectará o documental “Prisciliano e a Gallaecia” dentro das actividades do Outono Cultural posto en marcha un ano máis polo Concello. A obra, dirixida por Aser Álvarez e producida por Arraianos co apoio da Deputación da Coruña, supón o primeiro achegamento audiovisual á figura deste bispo herético galaico-romano fundador dunha doutrina relixiosa de seu nos estertores da Gallaecia imperial. A actividade desenvolverase o domingo 12 ás 19h no centro sociocultural Mingos de Pita.
Con carácter previo á proxección, e logo da presentación a cargo do director e das autoridades municipais, o profesor de Historia Antigua na Universidade de Oviedo e arqueólogo Diego Piay Augusto impartirá unha conferencia centrada en Prisciliano, achegando unha visión actualizada desta figura case mítica na historia de Galicia.
Posteriormente, proxectarase o documental e procederase a un debate e coloquio entre o director, o historiador e as persoas asistentes.
“Prisciliano e a Gallaecia” propón ao espectador unha viaxe que percorre os principais xacementos arqueolóxicos vinculados co priscilianismo: Santalla de Bóveda, Valga, Quiroga ou Compostela. Tamén visita lugares que non forman parte de Galicia pero formaron parte da Gallaecia romana, como Palencia, Astorga, Ávila e Braga.
Prisciliano, bispo de Ávila, foi unha figura fundamental da Gallaecia tardorromana. Fundador da herexía que leva o seu nome, que se apartaba de varios dogmas imperantes no cristianismo do seu tempo, foi executado en Tréveris, actual Alemaña, polas autoridades imperiais. A súa figura foi magnificada co tempo, fundíndose coa lenda e converténdose nun dos personaxes máis senlleiros da historia de Galicia.


