~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

Presentado o cartel do Mercamelide de inverno 2023, cuxo prazo de inscrición se estende ata o día 20 de febreiro.

A feira do comercio local contará cun servizo gratuíto infantil para facilitar as compras ás familias. Os comercios socios de ASETEM poden inscribirse a través da asociación. Os non asociados, no Concello.

O Concello de Melide presentou hoxe o cartel do Mercamelide de Inverno 2023, a feira do comercio local melidao que reúne os produtos dun bo número de establecementos do municipio con descontos no prezo. O período de inscricións para os comercios participantes permanecerá aberto ata o luns 20 de febreiro. No caso dos comercios asociados á ASETEM (Asociación de Empresarios da Terra de Melide) poden levar a cabo a inscrición na Asociación. O resto de comercios pode inscribirse no Departamento de Promoción Económica do Concello de Melide, ou a través de correo electrónico no enderezo promocioneconomica@concellodemelide.gal.

O Mercamelide tera lugar na fin de semana do 25 e 26 de febreiro. O mercado de inverno ofrecerá a prezos moi competitivos todo tipo de produtos do fogar, moble, menaxe, decoración, mercería, moda, calzado e lencería. Do mesmo xeito, ofrecerá produtos de beleza, perfumería, tecnoloxía, seguros, deportes ou complementos. Todos produtos de primeira calidade, proximidade e a un prezo moi económico.

Nesta edición ofertarase un servizo gratuíto de animación infantil a partir dos 4 anos de idade. Con este servizo, que se estenderá de 11h a 14h pola mañá e de 16h a 20h en horario de tarde, as familias poderán efectuar as súas compras con maior comodidade.

A edición de 2022 contou con 14 comercios de Melide e rexistrou un alto volume de vendas e de asistencia. O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas, confía no éxito dunha nova edición e lembra a importancia de dotar ao comercio local dun evento de apoio coma este no tramo final do inverno.