As nenas e nenos coñeceron diversas celebracións do Nadal por todo o mundo e en distintos lugares de España durante as festas. Elaboraron disfraces e decoracións relativas a estas tradicións.
O Concello de Melide puxo ao dispor de todas as familias do municipio, un ano máis, un servizo de campamentos durante as vacacións de Nadal orientados a facilitar a conciliación e a servir como alternativa de lecer e aprendizaxe para as e os pequenos da casa nestas festas. Nesta edición, son 64 as nenas e nenos inscritos nunha actividade que se estende do 22 de decembro ao 5 de xaneiro. A idade das e dos participantes vai de 4 a 12 anos. O campamento ofreceu durante as festas o seu servizo todas as mañás dos días laborables, de 9h a 14h.
As nenas e nenos participantes na actual edición dos campamentos de Nadal tiveron a oportunidade de percorrer outros países e culturas do mundo e coñecer mellor as tradicións do Nadal dentro da iniciativa “Viaxando con Rudolf”. Durante a semana pasada, aprenderon sobre o Nadal en Ucraína e imitaron o de Costa Rica, elaborando adornos de árbores con materiais de refugallo. Tamén coñeceron as festas de Noruega, onde se botan fóra da casa as cousas indesexadas con vasoiras de paus e xestas ou China, onde se acenden farois que voan para alumear o Novo Ano cos mellores desexos.
Posteriormente, durante esta semana, a programación do campamento centrouse nas celebracións de Nadal ao longo de España. Deste modo, coñeceron a “Vieya” leonesa, que na súa cova na montaña amasa pan para os cativos, ou as mascaradas de inverno de Zamora que entroncan co culto á natureza e a invocación da boa colleita. Neste caso, recrearon estas antigas tradicións con roupas e máscaras elaboradas no campamento. O percorrido chegou ata Cataluña, onde coñeceron o “Tió” que trae agasallos.
A viaxe remata de volta en Galicia, onde o Apalpador reina nas festas e acompañará aos nenos durante o 5 de xaneiro, véspera do Día de Reis.