Na votación non se logrou acadar maioría absoluta necesaria para recalificar os terreos como solo urbanizable para uso industrial.
O Concello de Melide celebrou na tarde de onte un Pleno Extraordinario de gran importancia no que se someteu a aprobación a modificación puntual das normas subsidiarias do planeamento de Melide para a delimitación dun sector de solo urbanizable industrial.
A modificación plantexada pretendía recalificar terreos para uso industrial situados na zona sur do concello, ao carón da estrada autonómica AC-840, ante a imposibilidade de aumentar o actual Polígono Industrial da Madanela por existir informes medio ambientais negativos.
O voto en contra do Partido Popular e a obrigada abstención do concelleiro Xosé Igrexas, ao ter familia con propiedades na zona afectada, imposibilitaron acadar a maioría absoluta necesaria.
Dende o equipo de goberno insistiuse durante a sesión plenaria de que Melide precisa de maneira urxente solo industrial, ao estar practicamente esgotado dende o ano 2010 no Polígono Industrial da Madanela. Do mesmo xeito, destacouse que a situación estratéxica do noso Concello, no centro de Galicia, e a futura mellora nas conexións, coa finalización da autovía A-54, afianza a necesidade de avanzar cos trámites necesarios para obter novo solo industrial.
Na mesma liña, o alcalde, José Manuel Pérez “mostrouse sorprendido xa que o proxecto presentado, era o mesmo que iniciou o Partido Popular en febreiro do ano 2019, polo tanto se antes era o idóneo non se entende que agora non o sexa”.
Pola súa parte José Antonio Prado, destacou que “a irresponsabilidade do Partido Popular deixa a Melide sen solo industrial, queren que se instalen empresas en concellos veciños pero néganlle a Melide a posibilidade de ter novo solo industrial”.
No segundo punto da orde do día aprobouse por unanimidade a modificación do regulamento de réxime interno da escola infantil municipal para a súa adaptación ás normas de funcionamento para as escolas infantís da Comunidade Autónoma de Galicia.