Set 17, 2024 | Actualidade, Novas

A aldea de Furelos volve acoller un evento que durante tres días reconstrúe e homenaxea a vida a comezos do século XX. Esta edición celébrase do venres 20 ao domingo 22 de setembro.

O Mercado de Época “Furelos no 1900” de Melide acada a vindeira fin de semana a súa sétima edición, convidando novamente á veciñanza e ás e aos visitantes a mergullar no pasado recreando a estética dun mercado tradicional de comezos do século XX. O mercado abrirá as súas portas a partir das 18h do venres 20, e permanecerá en funcionamento durante toda a fin de semana, en horario de 11.30h a 22:30h o sábado 21 e de 11.30h a 22h o domingo 22.

A programación inclúe varios pasarrúas ao longo da fin de semana, así como espectáculos circenses, con lume, musicais e teatrais. As persoas visitantes poderán desfrutar ademais de magníficas exposicións que recrean a vida a comezos do século XX, como a barbería, a escribanía, o obradoiro de costura, o ultramarinos, a cantina, a carpintería, a adega, a lavandería ou a xoguetería. Tamén haberá obradoiros demostrativos de varias artes e atraccións infantís para que non falte diversión.

Un ano máis, o tren turístico Furelos no 1900 será unha das atraccións fortes da fin de semana. Este particular medio de transporte unirá a capela de San Roque con Furelos, entre as 11h e as 14h e entre as 16h e as 20h. O tren terá unha frecuencia dunha hora entre viaxes.

O domingo 22, ás 22h, dará comezo o espectáculo de peche desta sétima edición. Primeiramente, celebrarase un pasarrúas de despedida con todas as compañías participantes no mercado. A continuación, ofrecerase un espectáculo con lume que sorprenderá a todos os públicos.

Dende o Concello de Melide convídase a toda a veciñanza e visitantes a acudir e desfrutar desta nova edición dun evento que non deixa de medrar e consolidarse como unha gran homenaxe ao pasado, unha recreación histórica, festa e diversión.