O Verán Cultural inclúe este ano actividades musicais, teatrais, cine, danza, pintura ou fotografía, ata un total de 20 citas culturais. As actividades prolongaranse de xullo a setembro.
O Concello de Melide volve organizar un Verán Cultural cheo de actividades para todos os gustos e todas as idades. Actividades para as e os máis pequenos, música ou cinema ao aire libre volven ser propostas destacadas para o lecer nos meses de xullo, agosto e setembro en Melide.
O programa foi presentado esta mañá pola concelleira de Cultura, Mayka Basalo. A edil sinalou que co Verán Cultural “o Concello de Melide volve pór a disposición de toda a veciñanza actividades coas que desfrutar a calquera idade”. A concelleira puxo en valor o peso da programación destinada ás familias e a variedade na oferta, con música, fotografía, pintura, cine, teatro ou espectáculos de monicreques.
A edición de 2022 do Verán Cultural dedicará boa parte da programación á música baixo dúas modalidades. A primeira delas será a das Noites Musicais- Este programación arrincará o sábado 9 de xullo coa actuación de Arroutes co seu espectáculo de folk e música tradicional. Será ás 22h na praza do Convento. A seguinte actuación será o musical Camiñantes e Cantantes 2022, un espectáculo sobre os camiños coa participación de Lucía Pérez, Manquiña, Rocío Caamaño e moitos máis. Terá lugar o venres 29 de xullo ás 23h no aparcadoiro da Avenida da Habana. Ao día seguinte, sábado 30 de xullo, a nova musa da canción galega, Antía Muíño, actuará ás 22h na praza do Convento.
O mes de agosto aínda acollerá dúas noites musicais máis. O venres 5 será a quenda de Eva Cornellious co seu espectáculo que mestura jazz, funk, soul, blues e R&B, con orixe en New Jersey. Actuará na praza do Convento ás 22h. Posteriormente, o sábado 13, soará a guitarra acústica moderna de Nino Costoya no mesmo lugar e hora.
A segunda modalidade musical será o ciclo de actuacións ao mediodía baixo o nome Vermú no Camiño. Na primeira actuación, que terá lugar o domingo 10 de xullo ás 13h na Praza das Ichoas subirán ao escenario Los Mecánicos para ofrecer ao público a súa homenaxe ao pop inglés, americano, español e galego dos anos 60. Iria Estevez, co seu Camiños do Fado será a protagonista o domingo 31 de xullo ás 13h na praza das Ichoas. O sábado 7 de agosto Pablo Balseiro traerá o seu espectáculo de rumba, guateque e rock ao mesmo lugar e na mesma hora. O domingo 14, Os Piñeiros efectuarán o seu tributo ao pop-rock clásico, tamen na praza das Ichoas á unha do mediodía.
Xa en setembro, Vermú no Camiño pecha coa actuación, no día 4, de Pepe Piña co seu espectáculo de Joe Cocker aos Ronaldos, ás 13h na Praza das Ichoas.
Venres de cinema
As proxeccións cinematográficas terán un oco destacado na programación do Verán Cultural durante o mes de xullo. Todas as películas serán proxectadas ás 22h no Cantón de San Roque. O primeiro dos filmes en exhibición será ‘Pinocho’, o venres 8. O venres 22 proxectarase ‘Padre no hai más que uno II’. Xa o venres 29, o filme do ciclo será ‘A praia dos afogados’, adaptación da exitosa novela do recentemente finado Domingo Villar.
O día 15 de agosto proxectarase o documental “Outros camiños” ás 22h no Centro Sociocultural Mingos de Pita.
Exposicións e actividades infantís
O Verán Cultural contará con cinco Domingos Infantís centrados nas e nos pequenos da casa. Todas as actividades terán lugar no cantón de San Roque ás 12 da mañá. O domingo 3 de xullo deu comezo este ciclo co divertido e familiar espectáculo de marionetas ‘Varietés del animalario’ de Paporrubio. Seguirá o domingo 10 coa actuación do circo contemporáneo, con humor e danza, de ‘Up2Down’. O día 31 actuará ‘A Banda das Apertas’ cun espectáculo para toda a familia de pop, rock, funk e rumba.
En agosto haberá dúas actividades deste ciclo. A primeira, o espectáculo ‘Cuacac’ de N+1 Teatro, que mestura teatro, circo e danza, o domingo 14. O domingo 28 actuará o Mago Noel co seu espectáculo de maxia cheo de cor e diversión.
O Verán Cultural albergará este ano dúas exposicións. A primeira das mostras será da obra de Cristian Álvarez. As súas creacións de pintura contemporánea exporanse no Centro Sociocultural Mingos de Pita entre o 14 e o 29 de xullo. Posteriormente, do 5 ao 19 de agosto, o centro acollerá unha exposición de fotografía de Yasuhiro Yotsumoto.