Música, maxia, visitas guiadas ou ioga conforman unha programación enfocada a todos os públicos e idades. Os Domingos Infantís e os Vermús no Camiño reunirán ducias de persoas para desfrutar do verán na vila.
Melide prepárase para outro intenso verán de actividades agrupadas dentro do programa Verán Cultural, que nesta edición de 2024 propón actividades para todas as idades e públicos. A programación arrinca o domingo 14 de xullo e estenderase ata o primeiro día do mes de setembro.
O domingo 14 celébrase o primeiro dos Domingos Infantís, orientados ás e aos pequenos da casa. Trátase do espectáculo de monicreques “O Show Moscón”, da compañía Galitoon, que presenta un marabilloso circo dentro dun armario cheo de marabillas. Será no cantón de San Roque ás 12 da mañá.
A seguinte actividade chega o xoves, 18 de xullo, cando terá lugar unha sesión de ioga nocturno organizada por La Salita Yoga baixo o título “Ioga baixo as estrelas”. Será na praza do Convento, un dos recunchos máxicos de Melide, ás 23h. Esta iniciativa repetirase, á mesma hora e no mesmo lugar, o xoves 29 de agosto.