Xul 11, 2025 | Actualidade, Novas

Os Vermús no Camiño convidan a desfrutar dos mediodías solleiros por toda a vila. A área recreativa do Furelos conta coa súa propia programación. Os melidaos Cuarta Xusta presentan novo disco. Actividades para público familiar polas Festas de San Roque.

O Concello de Melide vén de programar unha nova edición do Verán Cultural con actividades variadas para todos os públicos que se estenderán durante os meses de xullo e agosto. Teatro, maxia ou actuacións musicais integran un programa que convida a desfrutar da tempada estival na vila, aproveitando as horas de luz e o bo tempo.

Un dos espazos do municipio que contará con programación de seu durante a celebración do Verán Cultural será a área recreativa do río Furelos. Alí terán lugar catro espectáculos durante xullo e agosto baixo o nome conxunto de “Río Furelos: Diversión e Cultura”. O primeiro deles será “Ledicias”, do Mago Paco. Trátase dun percorrido por xogos de maxia que mergulla nun mundo fantástico e cheo de ilusións. O espectáculo, para nenas e nenos a partir dos tres anos de idade, celebrarase o xoves 24 de xullo ás 19h na área recreativa do Río Furelos.

O xoves 31 de xullo, a área recreativa acollerá o espectáculo “De Vilatriste a Vilalegre”, a cargo de Teatro ó Cubo. Será igualmente ás 19h. A función combina teatro actoral e de monicreques tomando como referencia o mundo do cómic. Esta creación para todos os públicos conta coa coprodución do Centro Dramático Galego, que celebra as súas catro décadas de existencia.

Xa en agosto, o xoves 7, a Compañía Chimichurri representa no mesmo espazo e hora, ‘Cualquier verdura’. Un espectáculo de circo e humor onde abundan os equilibrismos, as acrobacias, os malabares e a risa do público.

O xoves 14 de agosto, o ciclo de actividades “Río Furelos, Diversión e Cultura” chega á súa fin da man de Teatro Ghazafelhos coas súas “Historias para escagarriñarse”. Ás 19h, o grupo ofrecerá un espectáculo cómico para todos os públicos onde tres cíngaros percorren o mundo en carromato contando vellas historias que removerán pesadelos nos oíntes.

Vermú no Camiño

O Verán Cultural ofrece un ano máis un amplo abano de actuacións musicais por toda a vila de Melide para gozar dos mediodías máis solleiros do ano co mellor ritmo. A primeira actuación será a de Extraña Pareja, o domingo 27 de xullo, ás 13h na praza da Herba. Este dúo, conformado por José Brea e Miguel Ladrón de Guevara (Miguelón) fusiona sons latinos con rumba catalá e pop e música indie.

O domingo 3 de agosto, ás 13h, a rúa Principal acollerá a actuación de Os Piñeiros, o nome artístico do dúo que conforman os irmáns xemelgos Iván e Diego. O seu repertorio inclúe estilos variados como o pop, rock-soul, canción popular galega ou música mexicana.

A semana seguinte, o domingo 10 de agosto, Virtua Project ofrecerá a súa actuación na praza das Ichoas ás 13h. O concerto servirá como homenaxe aos clásicos dos 80 e 90 do rock español e internacional.

A última actuación da serie Vermús no Camiño correrá a cargo de Los Alcántara o domingo 24 de agosto ás 13h na praza das Universidades. Esta banda galega liderada por Al Vila fusiona cancións da idade dourada da música española con ritmos rock, funky ou reague.

A programación deste Verán Cultural tamén inclúe o concerto de Cuarta Xusta o sábado 2 de agosto. Este grupo melidense presenta o seu segundo disco, “Libre Amencer”, ás 23h na praza do Convento cun concerto repleto de cancións reivindicativas dentro do seu característico estilo punk-rock.

San Roque Familiar

Coincidindo coas celebracións das Festas de San Roque, o Concello inclúe na programación do Verán Cultural unha serie de actividades destinadas ao público familiar durante estas datas. Baixo o título San Roque Familiar, todas as actividades serán celebradas na praza do Convento ás 19h de cadanseu día.

O sábado 16 de agosto, Circo Chosco presenta Távole. Trátase dunha tola e divertida aventura para todos os públicos con circo, acrobacias, riscos e sorpresas, onde o público xoga un papel moi esencial.

O luns 18, Xampatito Pato representa Compaña, unha actividade para público familiar e infantil a partir de 5 anos onde unha personaxe solitaria explora a imaxinación do público para dar vida a cada un dos seus pensamentos.

O martes 19, Sons na Batea tráennos “Ollo piollo”, onde cinco músicos e tres animadores farán o público bailar a ritmo de country, bosanova ou hip hop, ofrecendo unha tarde de baile e diversión educativos.

O mércores 20, os Bolechas póñenlle o broche ao San Roque Familiar con “Os Bolechas e o Gran Reto Deportivo”. Dirixida ao público familiar a partir dos 3 anos de idade, esta obra resulta da colaboración do programa FalaRedes da Secretaría Xeral da Lingua en colaboración co Concello de Melide.