Melide celebrou máis dun mes de Verán Cultural con 16 espectáculos e actividades para todo tipo de públicos. Case 230 nenas e nenos participaron nos Campamentos Deportivos e Culturais deste ano. As Festas de San Roque arrincan este luns.
O Verán Cultural de Melide afronta a súa recta final cunha fin de semana de concertos e espectáculos. Esta programación municipal contou na súa edición de 2023 con 16 espectáculos e actividades para todo tipo de públicos, incluíndo unha exposición fotográfica. Ademais, hoxe rematan os Campamentos Deportivos e Culturais de 2023 de Melide, que reuniron a 130 nenas e nenos.
O vindeiro sábado, 12 de agosto, celebrarase unha nova edición das Noites Musicais coa actuación de Catuxa Salom. Será ás 22h da praza do Convento. Catuxa Salom é unha artista moi recoñecida na escena musical galega, que fusiona o noso folclore tradicional con ritmos latinoamericanos e música electrónica. Os temas das súas cancións inclúen a vida rural ou o ecofeminismo, convidando a conectar co pasado. Con raíces arxentinas, esta artista está a consolidarse no electrofolk galego.
Ao día seguinte, domingo 13 de agosto, terá lugar o último dos Domingos Infantís, co divertido espectáculo circense Oh-Pera, da compañía Circo Chosco. Este show con acrobacias, danza e equilibrismo, caracterizado pola súa orixinal posta en escena e o seu humor, representarase ás 12h no cantón de San Roque.
Unha hora despois, ás 13h, e na zona vella da vila, Andrea&The Black Cats pecharán as sesións de Vermú no Camiño. Gañadores do VI Concurso da Societat de Blues de Barcelona, esta banda compostelá percorre Galicia e a península dende hai once anos. Púidose desfrutar do seu directo no Festival de Blues de Benicassim en 2016 ou no Sweet Cotton Festival de 2018. As súas actuacións están cargadas de proximidade, cunha atmosfera colmada de complicidade, harmonía e ritmo.
Campamentos Deportivos e Culturais
Este venres, 11 de agosto, tamén rematan os Campamentos Deportivos e Culturais 2023 do Concello de Melide. Entre o 26 de xuño e hoxe, un total de 224 nenas e nenos participaron nesta iniciativa que pon ao seu dispor o Concello para facilitar a conciliación das familias e ofrecer aos menores de idade espazos de xogo, aprendizaxe e socialización nos meses vacacionais.
Un ano máis, os campamentos contaron con dúas modalidades: lúdicos e deportivos. A primeira delas dirixiuse a nenas e nenos entre 4 e 12 anos, e a segunda entre 8 e 15 anos de idade. O campamento estruturouse en sete quendas semanais, en horario de mañá de luns a venres.
Este ano, as actividades incluíron afondar nos coñecementos das nenas e nenos na cultura doutros países, “viaxando” por varios continentes e informándose sobre o Giro de Italia, o Tour de Francia, os Xogos de Auga de Oceanía ou as manualidades típicas de Asia, ademais de danzas do mundo.
Entre as actividades dos campamentos celebráronse varias visitas. Dentro delas estivo a saída ao Centro Educativo e de Rescate de Fauna Salvaxe Corax de Paderne, onde puideron coñecer máis de 50 especies distintas de todo o mundo. Tamén percorreron a Ruta dos Muíños do Rego das Gándaras en Vilasantar, e visitaron a Aldea das Formigas de Outeiro de Rei. Ademais, aprenderon sobre a importancia da reciclaxe e o consumo local.