A actividade desenvolverase en horario de mañá os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro, ademais do 2 de xaneiro. A inscrición pode realizarse a través da sede electrónica municipal ou no Concello do 2 ao 5 de decembro.
O Concello de Melide pon en marcha unha iniciativa lúdica e educativa para a rapazada do municipio dentro do tradicional programa de Actividades de Lecer no Nadal. Trátase de “As lentes do Nadal”, composta por varias actividades onde as nenas e nenos viaxarán por todo o mundo coñecendo as distintas formas de celebrar o Nadal en países dos cinco continentes.
“As lentes do Nadal” destínase a cativas e cativos nados entre 2013 e 2022. Celebrarase os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro, así como o 2 de xaneiro, en horario de 9h a 14h.
A actividade conta cun total de 65 prazas, que se irán cubrindo en orde de solicitude con prioridade para nenas e nenos empadroados en Melide. A inscrición pode solicitarse na sede electrónica municipal ou na Casa do Concello entre os días 2 e 5 de decembro.
Con esta iniciativa, o Concello procura ofrecer, un ano máis, ás nenas e nenos de Melide un programa amplo e variado co que aprender divertíndose nunhas festas inesquecibles. Á vez, a celebración destas actividades durante as mañás do período vacacional natalicio ofrece ás familias unha axuda para a conciliación nunhas datas en que esta se fai especialmente necesaria.

