O Pleno municipal de Melide votou a favor, na súa sesión ordinaria do martes 3 de febreiro, da participación no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal, o Plan Único de Concellos 2026. A proposta contou cos votos da favor de todos os grupos municipais; Adiante Melide, BNG, PSOE e PP.
O POS para o ano 2026 irá destinado a gastos correntes e investimentos, por un importe total que ascende a 964.788 euros.
Entre os proxectos a financiar, atópase a mellora da pavimentación e seguridade viaria na Rúa Alexandre Bóveda, Camiño Real, Rúa Campos e Rúa Silva, cun presuposto de 314.788 euros e un prazo de execución de 4 meses.
Tamén está previsto acometer o proxecto de mellora da pavimentación e seguridade viaria na Rúa do Sol, Rúa Alcalde César Rodríguez Carril, Circunvalación do Campo da Feira, Rúa Florentino Cuevillas e Rúa Lino Sexto Sánchez, cun presuposto de 303.257 euros e un prazo de execución de catro meses.
Autorizacións en trámite
Para executar as obras é preciso, no primeiro caso, a autorización sectorial da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Axencia Galega de Infraestruturas. E, no segundo, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Demarcación de Carreteras do Estado en Galicia e da Deputación da Coruña. Todas elas están en trámite.
O Concello de Melide comprométese a incluír no Orzamento municipal os fondos necesarios para facer fronte á achega municipal aos investimentos incluídos no POS 2026 procedentes dos propios recursos orzamentarios ordinarios do Concello ou de ingresos procedentes de operacións de crédito con entidades financeiras.

