O Concello de Melide impulsará un banco de axudas técnicas para o apoio de persoas coidadoras e as súas familias. O POS+2024, centrado no investimento en infraestruturas e no gasto social.
O Pleno municipal de carácter ordinario do Concello de Melide celebrado na tarde do 6 de outubro acordou de xeito unánime a participación no Plan de Obras e Servizos POS+2024 da Deputación da Coruña, O proxecto inclúe un investimento de 606.181,38 euros divididos entre dúas achegas, a de 2023 (264.768,88 euros) e 2024 (341.412,50 €).
A achega provincial de 2024 irá integramente destinada ao financiamento de gastos correntes do exercicio. Os investimentos inclúense na achega provincial de 2023, onde se contempla o proxecto de melloras de pavimentación e seguridade viaria en Orois de Arriba, Golán e Gondollín, entre outros.
Na mesma votación, o Pleno aprobou o Plan Complementario do ano 2024 por un valor de 305.000 euros. Dentro deste Plan contémplase o proxecto de melloras de pavimentación e de seguridade viaria nos núcleos de Corral do Medio, Piñeiros, Mirce e Marrás, entre outros.
Na súa intervención neste apartado, o alcalde de Melide, José Manuel Pérez Penas, sinalou que o Concello continuará a traballar nas necesidades en materia de infraestruturas, priorizando a intervención nos lugares que máis requiran da mesma. “É un POS francamente importante”, explicou, anticipando que “seguiremos nesta liña sen esquecer as necesidades específicas do noso casco urbano”.
Outros acordos
O Pleno tamén deliberou, en dous puntos distintos, sobre a non división por lotes das obras incluídas neste POS. Estes acordos veñen motivados pola necesidade de non dificultar a correcta execución técnica, xa que provocaría problemas de coordinación e aumentaría o custo económico pola necesidade de documentos técnicos independentes para cada lote. Novamente, o Pleno amosou unanimidade nestes puntos.
No quinto punto da Orde do día, tratouse a participación no POS+ Adicional 1/2024 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. Esta achega será de 97.546,43 euros. Esta cantidade dividirase entre o reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais, a ampliación das partidas municipais para axudas de emerxencia para risco de exclusión social, a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar, o reforzo da conciliación, atención a persoas sen fogar, outras medidas sociais de carácter extraordinario, o alugamento de equipamento técnico asistencial para cesión de uso a persoas sen recursos valorado polo equipo técnico dos servizos sociais municipais e axudas económicas para gastos de consumo enerxético.
Dentro dos case 98.000 euros de investimento inclúese, por outra banda, a adquisición de equipamento técnico para cesión de uso a persoas sen recursos valorado polo equipo técnico dos servizos sociais comunitarios e a adquisición de equipamento para programas de servizos sociais e para o traballo dos equipos técnicos dos servizos sociais municipais. Esta partida é de 4.5789,94 euros.
A concelleira de Política Social, Carmen Liñeira, explicou que este ano se porá en funcionamento un banco de axudas técnicas para atender ás “grandes esquecidas” nas situacións familiares de dependencia, as coidadoras. “Imos facilitar a vida de coidadoras/es e usuarias/os”, explicou. Tamén indicou que se fai fincapé en emerxencia social e conciliación neste POS+ Adicional.
Este punto da orde do día foi unanimemente aprobado.
Finalmente, o Pleno deliberou sobre a elección da xuíz de paz popular do Concello de Melide. Foi aprobada por unanimidade a elección de María del Carmen Vázquez Pandelo, actual titular en funcións.
Finalmente, deuse conta das distintas resolucións da Alcaldía, dende a 00672/2023 ata a 00053/2024.