O Concello de Melide presenta unhas contas solventes. Aprobado un Plan Económico Financeiro para afrontar o desequilibro leve da Estabilidade Orzamentaria causado polo canon da auga da Xunta de Galicia. Medalla de Ouro do Concello para Os Melidaos e o doutor Eladio García Rodríguez, a título póstumo.
O Concello de Melide celebrou o pasado mércores, 4 de xuño, a súa sesión plenaria ordinaria, onde se deu o visto bo da corporación a varios asuntos relacionados coas finanzas municipais. Así, o Pleno aprobou tanto a Conta Xeral do Exercicio 2024 como un Plan Económico Financeiro e unha modificación orzamentaria.
No tocante á Conta Xeral do Exercicio 2024, cómpre salientar que a aprobación definitiva se adianta tres meses con respecto á do ano 2023, motivo polo que o concelleiro de Facenda, Xosé Igrexas, quixo abrir a súa intervención plenaria agradecendo ao departamento de intervención do Concello o seu esforzo.
O edil salientou igualmente a solidez das contas municipais, con resultados positivos na ampla maioría de magnitudes comprendidas dentro da Conta Xeral. Así, Igrexas puxo de manifesto que o remanente de Tesouraría de 2024 ascende a 4.036.605,80 euros, fronte aos 4.002.870,72 € de 2023, o que representa unha subida de case 34.000 euros malia terse gastado, ao longo do exercicio, 1,8 millóns de euros de remanente. “Unha magnitude máis que positiva que demostra a solvencia económica do Concello”, aseverou.
No que corresponde ao resultado orzamentario do mesmo exercicio, Igrexas explicou que se rexistra un aumento considerable desde 2023, situándose en 2024 en 1.226.663,31 euros, o que case quintuplica as cifras previas. Tamén, e tal como sinalou o concelleiro, cómpre destacar que o Concello cumpriu en 2024 coa regra de gasto, por un valor próximo aos 740.000 euros. É de destacar que o Concello de Melide, tal e como se recolle na Conta Xeral, non posúe débedas bancarias, coa excepción dos PAI da Deputación da Coruña que se solicitaron entre 2015 e 2016.
En canto a aforro neto, o Concello de Melide tamén conseguiu mellorar amplamente este indicador, que medrou en máis de 450.000 euros dende 2023 até acadar os 1.567.654,10 €.
No relativo ao período medio de pagamento, o Concello de Melide destácase como unha das entidades que menos tempo tarda en facer fronte a estas obrigas económicas. Así, o derradeiro trimestre do ano pasado pechouse cun tempo medio de 0,85 días, moi por debaixo dos 30 días que de media tardan as institucións en asumir estes pagamentos.
A última magnitude da Conta Xeral é a única que arroxa un resultado negativo, se ben cunha tendencia claramente alcista. A Estabilidade Orzamentaria pechouse en 2024 cun saldo negativo de 53.293,54 €, vinte veces menor que o de 2023, que superara o millón de euros. “Foi un gran esforzo conseguir este dato nun só ano e quedamos moi preto de conseguir un resultado positivo”, explicou Xosé Igrexas.
O concelleiro lembrou que o canon de xestión da depuradora que cobra a Xunta de Galicia foi o principal factor que tirou para baixo desta cifra, cualificándoo como “un canon que sangra as contas do Concello” que “a Xunta nos impón”. Así, Igrexas lembrou que “o ano pasado os veciños e veciñas de Melide tivemos que facer fronte, a través de cartos públicos, a unha cantidade de 275.000 euros”, cantidade que tivo que saír do remanente de Tesouraría, pero que no actual exercicio se inclúe nos Orzamentos municipais.
O alcalde, José Manuel Pérez Penas, destacou neste punto que “a Xunta colabora en negativo” co Concello e amosou a súa esperanza de que “nun futuro haxa un convenio cos mesmos que nos multan, para que se subvencione este pagamento a través de acordos como os que fan con multitude de concellos deste país”.
A Conta Xeral foi aprobada cos votos positivos dos grupos de Adiante Melide, Bloque Nacionalista Galego e Partido Socialista, contando co voto negativo das e dos concelleiros do Partido Popular.
PEF
O seguinte asunto tratado polo Pleno foi a aprobación dun Plan Económico Financeiro para os exercicios 2025 e 2026, motivado polo xa sinalado incumprimento leve da Estabilidade Orzamentaria a causa do canon da auga.
As medidas correctoras deste desvío, que Xosé Igrexas cualificou como “sinxelas” e asegurou que “non repercuten” na veciñanza, consisten no control da anualidade orzamentaria, o compromiso dun remanente de Tesouraría positivo e o non financiamento a través de préstamos.
O Plan Económico e Financeiro foi aprobado, ao igual que no punto anterior, cos votos positivos dos grupos de Adiante Melide, BNG e Socialista, e o voto contrario do grupo do Partido Popular.
Posteriormente, o Pleno aprobou por unanimidade a modificación orzamentaria 11/2025, vía crédito extraordinario 1/2025.
No quinto punto da orde do día, o Pleno debateu e aprobou, tamén por unanimidade, a bonificación do 50% do imposto de obras nos traballos de restauración da Igrexa de San Pedro, Convento do Sancti Spiritus de Melide.
Posteriormente, no sexto punto, aprobouse igualmente de xeito unánime a declaración de especial interese ou utilidade municipal daqueles inmobles onde se desenvolvan de modo total ou exclusivo actividades agrarias, gandeiras ou forestais pertencentes ao sector primario, por concorreren circunstancia sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego que o xustifiquen, aos efectos de obter unha bonificación do 95% na cota do IBI a partir de 2026.
Os seguintes puntos da orde do día, entre o 7 e o 13, correspondéronse con dacións de conta (liquidación orzamentaria de 2024; informes de intervención municipal sobre reparos, control interno, o Plan de Acción 2025, período de pagamento a provedores e subministración de información das entidades locais ao Ministerio de Facenda; e resolucións da alcaldía).
No décimo cuarto punto, aprobáronse varias mocións. Na primeira delas, sobre a concesión das Medallas de Ouro do Concello, o Pleno amosouse unánime para concederlle esta distinción á agrupación Os Melidaos polos seus 25 anos de historia. O alcalde salientou que levan un cuarto de século “levando o nome de Melide por todas partes”. Tamén se acordou a concesión deste galardón, a título póstumo, ao doutor Eladio García Rodríguez, de quen José Manuel Pérez salientou que foi, alén de médico na terra de Melide, “un melidense de pro”.
O Partido Popular presentou dúas mocións de urxencia a pleno cuxa urxencia foi desestimada pola Corporación local, relativas á participación dos distintos grupos políticos na emisora municipal Radio Melide e a revalorización do mercado dominical e a feira grande de Melide.
Pola súa banda, o BNG presentou unha moción que foi aprobada, alén de co voto do seu grupo, cos de Adiante Melide e o Partido Socialista, que rexeita a instalación da macrocelulosa de Altri no veciño municipio de Palas de Rei polo impacto negativo sobre o concello de Melide. O alcalde, José Manuel Pérez, destacou sobre este asunto que “o que lle pedimos a unha empresa é que traia beneficios para a vila, e se non os trae de pouco valen os informes”. Así, o rexedor preguntouse se, coa instalación da planta, os sectores produtivos de Melide se verán afectados, caso do importante sector turístico arredor do Camiño de Santiago. “Temos a responsabilidade de dicir hoxe aquí se cremos ou non que esta iniciativa é boa para os nosos veciños”, explicou.